A POETA PRESENTA ESTA QUINTA FEIRA 'TEMPO FÓSIL'

A destrución segundo Pilar Pallarés

A destrución segundo Pilar Pallarés
A poeta Pilar Pallarés, Foto: AELG.
A poeta Pilar Pallarés, Foto: AELG.  

O libro atravesa un territorio destruído. É o lugar da casa que xa non está, dos restos animais, todo o sólido que se esvaece no ar. A poeta rexistra a dispersión da tribo e a caveira do pai, o pelo morto do can e as follas do limoeiro. Tempo fósil titúlase a quinta entrega de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), a autora que abriu a poesía dos 80 ao corpo da muller.


“A liña xeral é a destrución dun lugar, dun tempo, dos soños dunha vida mellor”, explica Pallarés na nota remitida pola editorial Chan da Pólvora, encargada da publicación, “xa privadamente, o libro supón a crónica da aniquilación dunha familia de catro”. Contida, por intres epigramática, a escrita de Pallarés arrisca unha posición colectiva sobre “a imposibilidade de deixar pegada, a consciencia de estaren os pais a alicerzaren sobre nada e para nada”.

tempo fósil

“A voz que podería dar non ten sustento. / Pero amoreo terra, ergo un valo / para que dentro lle medre o meu vacío / e o silencio, batendo contra os muros, / remede eco e sombra”, di un poema de ambición abstracta. Outros recollen as marcas concretas nos obxectos, as feridas abertas da memoria, o fémur que soña co seu can, “esa coiraza de músculo, cartílago / e ollos de mica ao sol”.

“Para alén da miña especial comunciación cos animais en xeral e do meu amor polos gatos en particular”, explícase, “unha obsesión: onde estarán os ósos dos animais da casa? A nosa horta era tamén unha especie de camposanto: cans, gatos, ourizos, galiñas...”. Máis alá da desolación, o aire de fin de época e a aniquilación de todo o que é, Tempo fósil recolle a vida que houbo onde agora hai aeroporto de Alvedro.

Porque eis o disparador do libro. “Os primeiros poemas son de finais de 2011. Nacen a raíz do derrubamento da casa que obraron meus pais en Culleredo e doutras 70 a causa da terceira ou cuarta ampliación do aeroporto de Alvedro”, lembra na nota editorial. A partir de aí construíu o libro que sucede a Entre lusco e fusco (1980), Sétima soidade (1984), Livro das devoracións (1996) e Leopardo son (2011).

Pilar Pallarés presenta Tempo fósil esta quinta feira, 21 de xuño, na libraría Chan da Pólvora de Compostela, acompañada pola tamén poeta Eva Veiga e polo escritor e editor Antón Lopo.



x