Dez libros para a canícula

Dez libros para a canícula

Tempo libre e tempo (atmosférico) favorábel. Esa teórica combinación habilita o verán para dedicar máis horas das usuais á actividade lectora. Velaquí dez obras recentemente publicadas que ben o merecen.


un peixe no parqué

As fauces feroces (Baía, 2019). Emma Pedreira insiste na estratexia fragmentaria que tan produtivos resultados lle deu á hora de narrar en Besta do seu sangue (2018). Desta volta, catro mulleres en situacións diferentes -mesmo históricas- pensan a súa condición, a súa relación coa idea de maternidade, a existencia feminina no patriarcado.  

Un peixe no parqué (Xerais, 2019). Ramón Vilar Landeira escribe como quen non quere a cousa. E sobre o día a día ás veces gris, ás veces iluminado por minúsculos sucesos, ás veces nada memorábel, nunca épico. Os seus relatos extraídos da vida cotiá remiten á escola norteamericana e retratan clases que se pensan medias pero venden a súa forza de traballo como as traballadoras.

Infamia (Xerais, 2019). O segundo libro de Ledicia Costas publicado nunha colección para adultos é un thriller escuro, periurbano, atravesado pola precariedade e as relacións de poder con nesgo sexista. Personaxes definidos psicoloxicamente cunha escrita de razadas poéticas circulan nos arredores dunha cidade que é Vigo pero non é Vigo.

Un libre favor (Galaxia, 2019). O poema é, para Chus Pato, “unha atención, unha escoita, como un tacto ou unha intelixencia cara a certos usos da linguaxe que chamarei poéticos”. Informado pola habitual potencia metafórica da autora, de implacábel beleza e tránsito polos territorios abertos no seu anterior Carne de Leviatán (2013), Un libre favor interpreta a vida como “o máis afastado das leis do mercado e do capital”.libro da ribeira sacra

Libro da Ribeira Sacra (Chan da Pólvora, 2019). A obra de Emilio Araúxo atópase entre as máis singulares da literatura galega actual. O seu traballo coa lingua campesiña ten a envergadura dunha epopea, é o rexistro dunha cultura en común e toda unha afirmación contra a división policial entre onde se atopa e onde non a poesía. Chan da Pólvora reedita, con estudo introdutorio do profesor Arturo Casas, o totémico Libro da Ribeira Sacra.

Unha historia da música en Galicia. 1952-2018 (Galaxia, 2019). Entre a fundación da orquestra Los Zafiros de Ferrol en 1952 e a explosión contemporánea do indie autoxestionado, entre Pucho Boedo en Alxeria, Ana Kiro cantando para 50.000 persoas en Venezuela e Os Resentidos transportando a lingua galega ao post punk industrial, as case mil páxinas da monumental obra do crítico Fernando Fernández Rego propoñen unha primeira historia sistemática do pop en Galiza.  

Castelao I. Construtor da nación (Galaxia, 2019). O primeiro dos tres tomos da biografía de Castelao a cargo de Miguel Anxo Seixas é, sen dúbida, un dos acontecementos literarios, culturais, do ano. E máis aló. Este volume inicial abrangue as décadas de formación e consolidación do pensamento e o traballo do rianxeiro, do seu nacemento en 1886 a 1930.  

Fame (Rinoceronte, 2019). Orixinalmente publicada en 1890, a novela do noruegués Knut Hansum obtivo certa repercusión posterior debido ao seu encadramento crítico entre os predecesores de Kafka. Fame narra, en primeira persoa, a desorientación vital dunha vida determinada pola insuficiencia material. A tradución é de Moisés Barcia a partir dunha versión inglesa.a virtude de checchina 2

Soñan os androides con ovellas eléctricas? (Faktoría K, 2019). A novela que inspirou o filme de culto Blade Runner (Ridley Scott, 1982) é un clásico dun autor (postumamente) clásico da ciencia ficción: Philip K. Dick. Orixinal de 1968, está protagonizada por un cazarrecompensas á busca de androides para retiralos. Negra e filosófica, constitúe unha agre reflexión sobre a intelixencia artificial, as historias alternativas e a apocalipse. A tradución é de Fernando Moreiras.

A virtude de Checchina (Hugin e Mugin, 2019). Autora de novela popular adscrita ao naturalismo, a italiana -aínda nada en Grecia en 1856- Matilde Serao caeu no esquecemento despois da súa morte en 1927 en Nápoles. A virtude de Checchina, de 1884, pretende, nas propia palabras da escritora, “demostrar o infeliz e monótona que é a vida burguesa”. Traduciuna Isabel Soto.