O Día das Galegas nas Letras conmemórase cunha festa colectiva na Estrada

O Día das Galegas nas Letras conmemórase cunha festa colectiva na Estrada
Areal de Berres
Areal de Berres  

O Día das Galegas nas Letras xa ten programa e escenario. O vindeiro 15 de agosto no Areal de Berres, na Estrada homenaxearase a Dorothé Schubart cunha festa colectiva na que participarán Mercedes Peón, Paula Carballeira, Isabel Rei e Habelas Hainas entre outras. 


O 15 de agosto será o día da “nosa señora” das letras, a xornada escollida polo grupo de crítica literaria feminista A Sega para a primeira conmemoración do “Día das Galegas nas Letras” que se inaugura cunha homenaxe á compiladora do Cancioneiro Popular Galego Dorothé Schubart. O escenario da conmemoración xa está decidido e será o Areal de Berres, na Estrada, un espazo natural á beira do río Ulla que a veciñanza recuperou para uso comunal. A festa vai ser colectiva á maneira das populares romarías e comezará por volta das 13.30 coa presentación do acto e a lectura do manifesto por parte das integrantes d´A Sega. Para media hora despois está previsto o inicio do “xantar compartido” ao que convidan a quen queira participar nunha convocatoria que se presenta como aberta e participativa coa alegría do canto e do baile. 

A festa iniciarase ás 16:00 horas e está prevista a intervención da contadora Paula Carballeira, a música Mercedes Peón, a guitarrista Isabel Rei e as pandeireteiras de Habelas Hainas. O micro permanecerá aberto para quen queira tocar, cantar e contar nun programa no que se agardan aínda novas incorporacións. 

A festa quere celebrar “a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular” recoñecemento que, nesta primeira edición, recae na investigadora e compiladora Dorothé Scubarth. Desde a Sega tentan que esta primeira homenaxe sexa “unha romaría na que nos xuntemos, falemos, contemos e cantemos todas as persoas que queiramos saudar a dignidade da literatura de tradición oral e o labor silenciado de todas as cantadoras que lograron manter vivo até hoxe o acervo musical que nos alimenta”.