EIRA DAS MOURAS

Diálogo da auga e as gárgolas, recurso con mito e arqueoloxía

Diálogo da auga e as gárgolas, recurso con mito e arqueoloxía
[Imaxe: Laura R. Cuba] Gárgola na Casa da Parra, en Compostela
[Imaxe: Laura R. Cuba] Gárgola na Casa da Parra, en Compostela  

Nesta nova entrega da sección Eira das Mouras, o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén reflexiona ao redor da relación entre a auga e a arquitectura, pondo a ollada na realidade galega do pasado e do presente. Eis un extracto da peza publicada no Sermos Galiza 299.


1Galiza é un país debuxado polas nubes, logo pola chuvia, polas augas, tamén dun océano maior que se perde en labirintos por mares de dentro, onde verten os ríos e neles cantareiros arroios. País de brañas, de nacedouros aos que van beber as bestas bravas, sitio de fontes máxicas, sinaladas nas penedas por circos, labirintos e greas de cervos insculturados, espazos sacroprofanos, de inspiración para mitos populares, cultos e trobeiros que as cantaron.

 

Que chove na Galiza é moito máis que un tópico. Nubes, gris, chuvia, auga, pedra, acibeche, loito, prata, asombrosas negras sombras, medo e sorpresa. O labirinto dun universo aínda descoñecido e por algo aureolado de maxia. A cultura deste país de extremo occidente atlántico artíllase en boa parte en función das treboadas, ás que hoxe chamamos cicloxéneses, sempre cosidas con chuvia. Por algo somos sabios construtores de paraugas, pendellos, soportais, lousados, tellados con tellas sobrepostas en amplos "aleiros portugueses", de herdos mozárabes, desprotexidos e case perdidos hoxe...

 

Cultura nacida arredor da arrítmica conxunción dos Catro Elementos que forman parte dunha ancestral relixión panteísta, celebrada en equinoccios e solsticios, en ritos de pasaxe, de lume e de baño, coutada en mitos protagonizados por tarascas, serpes, monstros, por xianas, mouras, fadas, por deusas e deuses que tamén terán a súa versión cristián. Auga necesaria que aplaca a sede e mais o lume, que rega, limpa, purifica... tema elixido por Fermín Bouza Brey no seu discurso de entrada na Academia Galega en 1973 A mitoloxía da auga no noroeste hispano, como tamén por quen isto escribe, alá polo 1987, sobre a Auga e as Fontes en Galiza, como discurso de ingreso na Academia Galega de Belas Artes.

 

[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 299, á venda na loxa e nos quiosques]



x