XÉNERO E TRADICIÓN

Dicas para bailar en igualdade

Dicas para bailar en igualdade
Música tradicional na Coruña. Baile na Festa da fresa en Eirís
Música tradicional na Coruña. Baile na Festa da fresa en Eirís  Foto: Ardelleoeixo
Baixo o nome “Um lote de dicas para bailar em igualdade” a asociación A Gentalha do Pichel promove xunto con Andar cos Tempos e Sechu Sende unha campaña para reflexionar sobre o sexismo no baile tradicional.

A posición dos brazos, saltar menos, a imposibilidade de sacar punto no solto ou de levar no agarrado. Son algunhas das imposicións que a folclorización do baile tradicional galego impón diferenciando por xénero. Isto é o que pretende combater “Dicas para bailar en igualdade”, a campaña que vén de lanzar a Gentalha do Pichel en colaboración con Andar cos tempos.

O obxectivo é ofrecer consellos que contribúan a non reproducir ou apoiar aqueles comportamentos que reforzan a desigualdade de xénero no baile, desde a experiencia destes colectivos na transmisión e ensino deste patrimonio cultural vivo. Isto encaixa especialmente atendendo á dinámica de recuperación da súa dimensión social como baile espontáneo, especialmente marcada nos últimos anos.

As “dicas” serán difundidas a través de deseños colgados nas redes sociais para a súa partilla cidadá. Sechu Sende fai as ilustracións desta iniciativa, que se completa cos textos de Andar cos tempos, grupo de traballo arredor do xénero na tradición formado polas mestras Carme Campo e Chus Camarés. As creadoras inspiráronse na campaña de BeHoppers sobre o papel da muller na danza de salón e o machismo existente nela, adaptando os consellos ao noso baile tradicional. As suxestións procuran contribuír á súa transmisión sen caer en actitudes que afonden a desigualdade ou comportamentos que subxuguen as mulleres, mais serven, segundo declara a organización, “para a vida toda”.

[Foto: Gentalha do Pichel] Dicas para bailar en igualdade