CONTÉN MÁIS DUN MILLEIRO DE ENTRADAS DA CULTURA GASTRONÓMICA DO PAÍS

O “Dicionario da Comida Galega” chega ás librarías

O “Dicionario da Comida Galega” chega ás librarías
Imaxe da presentación do volume
Imaxe da presentación do volume  

Quince anos de traballo investiu o escritor Xavier Rodríguez Baixeras na elaboración do “Diccionario da Comida Galega. Do abadexo á zorza”, que vén de saír do prelo en coedición de Aira editorial e Engaiolarte e que foi presentado este venres no Espazo Abella de Compostela. O autor, xa recoñecido polo seu amplo labor como ensaísta e poeta, cumpre deste xeito un fito literario ao catalogar e sistematizar todos os aspectos relacionados coa cultura gastronómica de Galiza desde os puntos de vista histórico, lingüístico e literario.

A obra está xa á venda nas librarías do país e contén máis dun milleiro de entradas con todas as voces relativas á cultura gastronómica galega. “Non se trata só dun dicionario de cociña -explicou Baixeras-. Quixen falar da comida no seu conxunto como parte fundamental da nosa cultura, tanto das materias primas como da pegada que a gastronomía deixou na nosa literatura”, engadiu.

O “Dicionario da Comida Galega” é un volume de 600 páxinas ilustradas e a toda cor que o autor foi realizando ao longo de quince anos. “Era necesario”, indicou Baixeras, “que se aclarase a enorme variedade lingüística que o galego ten para definir termos relacionados co comer. Cada produto ou proceso de cociñado ten varios nomes segundo as zonas. Agora, con este traballo, coido, poderemos saber mellor de que falamos cando nos referimos a tal ou cal aspecto da mesa”.

Para publicar este libro, salientou un dos seus editores, Xan Carballa, de Engaiolarte, “houbo que reunir un conxunto de factores. O empeño profesional de Aira e Engaiolarte pero tamén o apoio de institucións, caso do Concello de Santiago, que patrocinou a edición, como dun total de 17 empresas e organismos (COREN, Clun-Feiraco, Gadis, Terras Gauda, Concello do Porriño, Conservas Albo, Galicia Calidade, Amendoados Fina Rei, Deputación de Lugo, Deputación da Coruña, Ternera Galega, Consello da Cultura, Denominacións de Orixe pataca de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea), que se implicaron nesta edición”.

Carballa asegurou sentirse “orgulloso” de conciliar arredor deste proxecto diferentes vontades. “Este é un gran proxecto e merece figurar entre os fitos da nosa recente historia cultural. É a primeira vez que un dicionario así se publica na Península Ibérica e coido que valerá non só para que desfruten os seus lectores senón tamén para futuros traballos e investigacións, tanto desde o punto de vista filolóxico como gastronómico”.

O acto de lanzamento realizouse no Espazo Abella, de Santiago, un novo modelo hostaleiro que propón formación avanzada e unha experiencia gastronómica personalizada, da man do cociñeiro André Arzúa. Para César Lorenzo, de Aira editorial, o dicionario de Xavier Rodríguez Baixeras pode servir para fortalecer ese interese pola innovación. “Este non é un dicionario para falar dunha cultura gastronómica estancada, senón todo o contrario. Vemos como afortunadamente a cultura da cociña en Galiza está a vivir un moi bo momento, con propostas que, sen se apartar da riqueza das nosas materias primas, conseguen novos sabores e maridaxes. O éxito deste libro tamén vai ser o éxito desa nova cultura gastronómica, para un público esixente e que agradece o coñecemento da tradición e o cariño co produto”.

O evento foi clausurado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen destacou que o volumen, que ten un prezo de 49,90 euros, “non é simplemente un dicionario de consulta. Dá gusto deslizarse polas súas páxinas e descubrir aquí e acolá cousas que un non sabe”, dixo.