JASPER, VOCALISTA E COMPOSITOR DE NAO

“O difícil é ser rebelde cando xa tes corenta anos”

“O difícil é ser rebelde cando xa tes corenta anos”
[Imaxe: M.O]
[Imaxe: M.O]  

Jasper é o nome artístico co que se coñece Pablo Carracedo (A Estrada, 1979), a alma mater da banda de rock metal Nao. O grupo, todo un emblema da música galega, anunciou a súa despedida. Unha viaxe que comeza o día 5 de decembro na Sala Capitol e que levará a Gus, Torroncho, Amós e Jasper por toda Galiza até o 7 de decembro de 2019, data en que por última vez actuarán xuntos como Nao. Eis un extracto da conversa publicada no número 324 de Sermos Galiza.


2Por que remata Nao cando é unha das bandas máis representativas do panorama musical galego?

Houbo un momento en que Nao viu o seu soño cumprido e viu cumprido o obxectivo de termos unha banda que cantase na lingua propia, que transmitise unha mensaxe como a que transmitimos e que fixese un estilo de música que cinco anos atrás non estaba nos festivais. De súpeto, vimos que eramos cabeza de cartel deses festivais, que medios de comunicación cunha liña editorial totalmente oposta á nosa ideoloxía nos deron cobertura, que eramos capaces de encher salas… Vimos a meta alcanzada e entrounos algo de medo porque sabiamos que non ía ser posíbel mantelo no tempo. Ter unha banda como Nao supón moito sacrificio persoal e ese esforzo non podiamos mantelo moitos máis anos. Non queriamos que iso se fose desgastando no tempo.

Visto o soño cumprido e no momento máis álxido, decidimos anunciar o fin, pero ao noso xeito. Non foi simplemente “paramos”, foi darlle un final ao grande e o Apocalipse [o documentario sobre a banda que comezaron a gravar en 2015] permitiunos facer iso. Pensabamos en 2015 que Nao tocara o seu teito pero non foi así. Co Apocalipse, Nao seguiu medrando e practicamente a día de hoxe nos segue o duplo das persoas que nos seguían naquel 2015.

Prevés iniciar un outro proxecto, ben colectivo, ben en solitario?

Agora estou centrado no Apocalipse, que é moito traballo e no salto cualitativo e cuantitativo desta última xira. Un salto que se verá reflectido o 5 de decembro na Sala Capitol [Compostela] cun concerto novo, moi longo, onde repasamos a discografía, facemos unha escenografía distinta, con colaboracións… Estou centrado niso e non teño pensado ningún proxecto, mais obviamente a música non penso deixala nunca. O outro día preguntábanme as miñas fillas: “É o derradeiro disco que vas gravar?” e díxenlles que era o derradeiro con Nao. Pregunteilles se querían que deixase a música e responderon que non. Algo faremos e imaxino que case todos, mais Nao como conxunto non. De todos os xeitos, Nao non se disolve. Nao deixa de tocar, pero o que construímos con Nao non imos desfacelo nunca. É unha amizade, o vínculo coa xente… Nao vai seguir vivo no recordo.

E por que non reiventarvos?

Nao foi evolucionando continuamente, e tocando paus musicalmente moito máis abertos e moi diversos porque entendemos que a música é un concepto moi amplo. Aínda que somos unha banda que se define como metal, fixemos un disco como foi o de Crear, con estilos que van desde o folc americano até o rock, o pop… e este último disco é máis cañeiro. Nao reinventouse continuamente. E non, non pensamos darlle outra forma. Como está concibido Nao agora mesmo é perfecto.

Chama a atención que o derradeiro disco chegue, precisamente, no momento máis alto de Nao.

Puxemos a vista no futuro. Ao mellor pecamos de previsores, mais xa somos xente madura e sabemos como funciona isto. Xa tivemos outras bandas e as bandas desfanse porque acaban levándose mal ou porque non cumpren as expectativas que se marcaron. Nós neste caso non, cumprimos o soño. Como prefires deixalo, dentro de tres anos despois dunha pelexa no local de ensaio ou despois de ver que defraudas o público –que agora mesmo ten devoción cara a ti– ou cando estás no máis alto? Como prefires morrer? Estando arriba, sendo un cadáver novo e bonito e sen desgastarse nin ter pelexas internas.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 324 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x