ANDRÉS CASTRO, CRÍTICO DE CINEMA DE SERMOS GALIZA

“Din que os críticos de cinema son cineastas frustrados”

“Din que os críticos de cinema son cineastas frustrados”
[Imaxe: Igor Piñeiro]
[Imaxe: Igor Piñeiro]  

Andrés Castro e María Fanjul veñen de gravar Atopando o Camiño, unha curta sobre a iniciación á vida adulta e sobre as aventuras de grupo. Conversamos co crítico de cinema de Sermos Galiza ao respecto.


6No altar cinéfilo de Andrés Castro (A Coruña, 1976) figuran tres filmes. Son Alien, o oitavo pasaxeiro (1979) e Blade Runner (1982), de Ridley Scott, e 2001. Odisea no espazo (1968), de Stanley Kubrick. O canon da ciencia ficción máis alá do corsé xenérico. Mais a súa nova curtametraxe, Atopando o Camiño, transita outros lugares. En concreto, o da iniciación á vida adulta, as aventuras de grupo, o cinema familiar. De fondo, o Camiño de Santiago. Castro é, ademais, o crítico cinematográfico de Sermos Galiza. “Din que os críticos de cinema son cineastas frustrados”, afirma divertido. E non descarta nada no que respecta ao seu futuro no mundo audiovisual.

 

Dirixiu curtametraxes produto de obradoiros, cursos ou traballos colectivos. Agora estréase cunha rodaxe totalmente independente.

 

Realmente non é a miña primeira curta independente. En 2012 fixemos unha primeira curta cuns amigos titulada A chamada. E fixémola con máis cariño que medios. Pero si, esta é a primeira en que contamos cuns medios axeitados, un equipo técnico e material axeitados. De feito, desde o primeiro momento envorcouse moita xente no proxecto. Recibimos axuda da facultade [de Comunicación Audiovisual de Pontevedra] no que respecta aos medios técnicos e tamén ao equipo humano. Involucráronse tres rapazas da facultade –Sabela, Laura e Noelia– e logo foi entrando cada vez máis xente. A partir de que o proxecto foi avanzando, foi entrando máis xente.

 

E por que agora este salto?

 

Levo xa cinco anos como crítico de cinema en Sermos Galiza. Pero o tema audiovisual é unha desas espiñas que levo cravadas desde sempre. Aínda que non estudei comunicación audiovisual. Pero si que vin moito cinema. Ás veces pensas nalgunhas referencias. Por exemplo Quentin Tarantino tampouco estudou audiovisuais e aí o está. Salvando as distancias, pero motiva moito saber que xente como [François] Truffaut ou [Jean-Luc] Godard triunfaron como críticos de cinema antes de facer audiovisual.

 

Neste caso, a curtametraxe conta cunha codirectora, María Fanjul.

 

A curta naceu como proxecto do colexio Parada-Campañó de Pontevedra. Durante o curso escolar, o centro estivo facendo un traballo cos rapaces respecto tamén do Camiño de Santiago. O equipo de normalización lingüística quixo facer un traballo de fin de curso a través dunha curtametraxe en que puxeron en práctica todo o que aprenderon. E aí é onde entra María Fanjul, mestra do Parada-Campañó e escritora de contos, moi apaixonada do mundo audiovisual. Púxose en contacto comigo para que escribise o guión, e aí fomos atopando un camiño propio. É unha especie de aventura infantil, con inspiración nos Goonies (Richard Donner, 1985) e outros filmes, pero con ese toque enxebre e moi de aquí, moi noso.

 

Que procura a curtametraxe?

 

Acabamos de rodar a pasada sexta feira [polo 15 de xuño]. Foron catro xornadas cun equipo altruísta pero moi implicado, con xente da facultade, como explicaba antes. Logo foise apuntando cada vez máis xente. A fotógrafa Alexandra Padín, o técnico de son, Cristián Rodríguez e mesmo Andrea Ramallo e Uxía Santiago, que veñen de gañar o premio á mellor curtametraxe galega con Bágoas negras no festival Redondela en Curto. E logo tamén se foi implicando xente para facer cameos, persoas da cultura como a contacontos Raquel Queizás, que tamén é actriz; os membros do colectivo de Polo correo do vento, Henrique Mauricio e Carlos Taboada; a propia María Fanjul... Ademais, contamos coa banda sonora de Óscar Ibáñez, que ademais fai un papel bastante importante na curta. A curta é unha historia de aventuras, cunhas rapazas como protagonistas, pero co Camiño de Santiago de fondo. Para entender un pouco os valores de compañeirismo, amizade, de seguir adiante e todo iso, valores que ás veces parecen estar un pouco á marxe.

 

Despois de facturar xa varias curtametraxes, como autor de cinema que é o que procura?

 

Realmente non busco nada. É algo que me gusta, unha paixón que teño aí, tanto ver cinema como facelo. Levo uns anos nesa dinámica, teño esa oportunidade, estou encantado de facelo. Grazas a unha iniciativa do Concello de Pontevedra que se chama Pontevedra Rodando, o ano pasado fixemos unha curta titulada O cartaz. Trátase dunha pequena peza arredor do bullying, o acoso escolar, que está funcionando ben. Curiosamente este 24 de xuño vai estar na Mostra de Cinema de Lavapiés [en Madrid], sendo a curta teloneira de Dhogs, un filme de Andrés Goteira que me encanta. Este ano estou multiplicando un pouco as tarefas: unha peza musical para o grupo Muxo no estudio Bonovo de Pontevedra, outra para o colexio Apóstolo Santiago de Vigo, dúas curtas máis con Pontevedra Rodando, e así. É algo que me gusta e me motiva e niso andamos.

 

A exhibición de curtametraxes, o acceso do público a ese material, é aínda máis complicado que a das longametraxes independentes.

 

Totalmente. Fóra do circuíto festivaleiro non teñen apenas repercusión. Pero digamos que é un medio para, quizais, nun momento dado, dar o salto. Todos os cineastas fixeron algo así. De feito, as curtametraxes son unha especie de prácticas para despois facer unha longametraxe ou series. Calquera produto audiovisual, en realidade. Pero si, a súa exhibición está un pouco reducida ao tema festivaleiro.

 

Imaxínase enfrontado ao proxecto dunha longametraxe?

 

Pois non o descarto. A verdade é que teño aí un guión que se está movendo, e os contactos realizados até agora son bastante positivos. De feito, barállase convertelo nunha longametraxe ou mesmo nunha serie. Titúlase As amantes relixiosas. Pero vaia, isto que conto hai que collelo con coidado e non aínda podo desvelar moito. Porque sería un proxecto a moi longo prazo.

 

Antes mencionaba a figura do crítico de cinema que pasa ao mundo da realización. A que se pode deber este tránsito?

 

Din que os críticos de cinema son cineastas frustrados. Pois creo que en parte teñen razón e en parte non. Pode ser que un cineasta se acabe convertendo en crítico de cinema e un crítico de cinema acabe convertido en cineasta, como Truffaut ou Godard e demais.

 

É útil forxarse na crítica para despois facer filmes?

 

Así creas unha base cinéfila e se logo vai acompañada de coñecementos audiovisuais, pois moitísimo mellor. Pero si que produce unha perspectiva das cousas que quizais sen ver cinema non acadas. Eu recomendo sempre que quen se dedique a isto, tanto se estuda audiovisuais como se é de fóra, se enchoupe do maior número de filmes posíbel. Sexan clásicos, sexan películas malas, sexan de acción... Calquera cousa serve como educación audiovisual.

 

E cal é, ao seu ver, a función da crítica nos medios de comunicación?

 

Eu podo falar pola miña banda. Eu coa crítica de cinema pretendo facer de guía para quen a queira ler. Se alguén a le –por suposto é o meu punto de vista–, intento guialo para que, sexa da condición que sexa e teña os gustos que teña, poida ter un pouco unha referencia e saber se ese filme pode ser do seu gusto ou non. Basicamente eu reduciríaa a iso, a facer de guía.

 

Recentemente coincidiron tres filmes galegos nas carteleiras comerciais, algo inédito. Trátase dunha casualidade ou o cinema galego está atravesando unha fronteira?

 

Penso que o cinema galego está pasando unha etapa de espertar xa desde hai uns anos. Por exemplo coa Esmorga (2014) de Ignacio Vilar, logo Sicixia (2016), agora con Dhogs (2018), A estación violenta (2018) [de Anxos Fazáns], e máis as que están a vir, por estrear. Si estamos nun bo momento e hai que aproveitar todo iso para que o cinema galego siga adiante. Porque é realmente un intre bo para continuar nesa liña.

 

Por que esta explosión do cinema galego xusto agora?

 

Realmente era hora de que espertase o cinema galego e en galego. Era algo que a xente pedía. Hai persoas xa con certa solidez para facer cinema, certos apoios institucionais que nunca son abondo pero vaia, aí están, e sobre todo ganas de facer cinema de aquí, para aquí e para todo o mundo. Que sexa internacional. De feito case funciona máis fóra do territorio que na casa. Pero este é un bo momento. Ía sendo hora. Hai cineastas que están realizando curtas e pasan logo ás longas.

 

Como crítico, que cineastas galegas salientarías?

 

Dhogs para min é o mellor filme do ano, pero non só de cinema galego, senón máis alá. Salientaría cineastas como Anxos Fazáns coa Estación violenta, ou Ignacio Vilar, que está facendo agora unha curta ao redor de María Soliña. Ou Lois Patiño, Diana Toucedo, Óliver Laxe... Seguro que deixo moitos polo camiño, pero hai un bo grupo de cineastas. O ano que vén seguramente vai ser mellor que este.

 

[Esta entrevista foi publicada no Sermos Galiza 301, á venda na loxa e nos quiosques]



x