CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Disfrazarse de neno para poder traballar

Disfrazarse de neno para poder traballar
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

O PAN DA GUERRA (THE BREADWINNER)

(Irlanda-Canadá-Luxemburgo-EUA 2017, 94 min.); Dirección: Nora Twomey; Guión: Anita Doron e Deborah Ellis; Música: Jeff Danna e Mychael Danna

SINOPSE

O pai de Parvana é detido polos talibáns en Kabul. Ante a inminente carencia de recursos, Parvana decide disfrazarse de rapaz para poder traballar e levar pan a súa familia.

CRÍTICA

Após ver The Breadwinner na plataforma Netflix (xa hai un ano diso) tiña ben certo que merecía ter estrea nos cinemas. Contaba ademais co aval de sendas nomeacións a Mellor Filme de Animación nos Óscar e nos Globos de Ouro, premiada como Mellor Filme Independente nos Premios Annie e, máis que todo iso, por estar producida por Angelina Jolie e os estudos irlandeses Cartoon Saloon, responsábeis de marabillas como Song of the Sea (Mellor filme de animación nos Premios do Cinema Europeo) ou O segredo do libro de Kells (ver Sermos nº 250). Era máis que lóxico que debía ser unha peza concibida para gozar, antes ou despois, en pantalla grande.

Animación para adultos (ou maiores de trece anos) dirixida por Nora Twomey, cineasta e artista gráfica nacida en Cork (1971) que, ata o momento, viña de colaborar na dirección e no equipo artístico da compañía Cartoon Saloon, estudo do que é cofundadora xunto un dos máis grandes ourives do cinema de animación actual,Tomm Moore, que, desta volta, avala o voo en solitario de Nora producindo e colaborando persoalmente no departamento de arte.

A historia está baseada no libro homónimo de Deborah Ellis e conta a historia de Parvana, unha nena afgá de once anos que debe sobrevivir nun escuro período de dominio talibán en Kabul. Gaña a vida como vendedora ambulante xunto seu pai. Día tras día conseguen levar algo de comer ao fogar onde agarda a nai, unha irmá maior e un irmán pequeno que apenas comeza camiñar. Parvana é unha nena alegre, feliz. Está nesa idade na que non acaba de entender moi ben por que non pode ir soa pola rúa, mercar soa no marcado ou levar o pelo solto sen veo. Mais ela conta co apoio de seu pai, o cariño da súa familia e iso énchea por completo. O día que os talibáns levan o seu pai, Parvana comeza entender o que acontece no seu país e idea un plan para liberar o seu pai: disfrazarse de rapaz.

The Breadwinner anda a medio camiño entre As mil e unha noites, Persépole (2007, Marjane Satrapi e Vincent Paronnaud) e Mulan (1998, Barry Cook e Tony Bancroft) pero con moitos menos intres de humor. De feito pódese dicir que carece deles... Apenas dá un respiro á audiencia: é dura, pesimista e extremadamente triste. Desde o primeiro momento resalta que vai contar unha historia dun pobo acostumado a ser invadido unha e outra vez. E así é... Por suposto deixa aberta unha pequena fiestra á esperanza, mais é tan mínima que durante case todo o rato temos o corazón encollido.

Con todo é fermosa. Moito. E, como é habitual nas achegas dos estudos Cartoon Saloon, a animación é única, cunha estética coidada ata o máis mínimo detalle e cuns debuxos feitos a man da maneira máis artesanal posíbel. Beleza en movemento que contrasta coa dureza da mensaxe. Asistimos a unha sociedade onde as mulleres non poden facer nada sen os seus maridos, nin ir ao colexio, nin aprender, nin decidir con quen casar, nin nada... Unha sociedade patriarcal pechada á que non necesariamente haise que dirixir a desertos remotos nin montañas afastadas... Con retroceder unha poucas décadas iso mesmo acontecía nas sociedades occidentais máis avanzadas. Sorte que xa non... non si?