Do abandono á rehabilitación do castelo de Naraío

Do abandono á rehabilitación do castelo de Naraío
Castelo de Naraío.
Castelo de Naraío.  

Consolidación de elementos en risco de desprendemento, acondicionamento dos accesos e a creación de itinerarios para a visita forman parte dunha nova actuación que se acometerá no castelo de Naraío, unha das fortalezas máis emblemáticas do país.


A Deputación da Coruña e o Concello de San Sadurniño veñen de asinar un convenio de colaboración para avanzar na recuperación do castelo de Naraío, que data do século XII e que foi construído sobre un terreo rochoso. Lugar de referencia na historia da comarca durante séculos, nomeadamente desde a súa cesión á familia dos Andrade de Pontedeume en 1364 até o seu abandono en 1609, non ten protexidos todos os seus elementos e non pode ser visitado polo público en xeral con garantías de seguridade ao carecer de accesos axeitados.

Os elementos de protección que presenta a fortaleza son os que permaneceran da anterior obra, rematada en 2010. En virtude do acordo entre Deputación –que achega 151.000 euros– e Concello –que achega 37.500 euros–, coa participación da Dirección Xeral do Patrimonio, que se encargou do deseño técnico das obras, consolidaranse os elementos en risco de caída, acondicionaranse os accesos e crearanse itinerarios de visita. Trátase dun proxecto considerado de “claro interese público” polo Goberno de San Sadurniño, concello que é usufrutuario do castelo desde a obtención da súa cesión en 2005 por parte da Casa de Alba.

casteloencinoDeclarado Ben de Interese Cultural en 1994, este monumento singular destaca a nivel arqueolóxico e histórico mais precisa melloras no seu estado. Así o aseguraba na sinatura do convenio o deputado Xesús Soto, mentres que Secundino Casal, alcalde de San Sadurniño, puña de manifesto o “grande valor histórico e simbólico” do castelo, “un dos lugares de referencia para coñecer a xeoloxía da zona”. E é que a carón da fortaleza pasa a antiga falla que separa o bloque granítico do Forgoselo das terras sedimentarias que hai a partir da ribeira norte do Castro. O rexedor engadiu que cómpre ir un paso alén na recuperación do castelo e que tanto o concello como outras administracións “deben aspirar a que todo o conxunto teña garantida a súa conservación para o futuro mostrándonos ao mesmo tempo todos os segredos que garda”.

A actuación máis relevante das que acometerán Deputación e Concello consistirá na construción dunha estrutura que permitirá subir á torre da homenaxe accedendo pola porta que posúe a media altura e, desde alí, continuar subindo polo interior até a parte máis alta do edificio.

O castelo atopábase nun estado ruinoso até que a Xunta de Galiza, durante o goberno bipartito, iniciara os labores de recuperación da contorna e asinara un convenio co Ministerio de Fomento para consolidar os muros da fortaleza. Nas escavacións realizadas en 2008 descubríronse até tres muros perimetrais que noutro tempo converterían o castelo nun edificio con capacidade para resistir durante meses grazas ao grande alxibe de auga que aínda se conserva no interior da torre.

A historia

Situado á beira do río Castro, sobre un rochedo que nalgunhas partes se integra na construción, o castelo puido pertencer á familia dos Piñeiro até que lles foi arrebatado en 1364 a favor de Fernán Pérez de Andrade O Boo.

O castelo foi un dos escenarios da primeira revolta irmandiña (1431)  e entre 1466 e 1469 volvería ser un dos focos da guerra Irmandiña, desta vez contra Fernán Pérez de Andrade O Mozo. O exército de Alonso de Lanzós derrubou o castelo que, tras súa derrota, foi reconstruído como castigo polos propios sublevados. A fortaleza e as propiedades pasaron entón a mans de Diego de Andrade –fillo de Fernán– e, co tempo e os casamentos, á Casa de Alba, actual propietaria da fortaleza cedida ao Concello por un período de 30 anos.

Ficou abandonado a principios do século XVII e durante tempo as súas pedras foron utilizadas alén de para vivendas para a presa e a central hidroeléctica que hai ao seu carón, segundo recolle o portal web municipal. Hoxe só se conserva a torre e parte dos muros superiores, ademais dos dous arcos.



x