A do Boi, en Allariz, unha festa auténtica

A do Boi, en Allariz, unha festa auténtica
Festa do Boi, en Allariz
Festa do Boi, en Allariz  

A celebración, declarada de Interese Turístico galego, culminará o próximo domingo após dez días de carreiras, música e historia. Trátase dunha festa feita por e para a veciñanza, desde abaixo e non a golpe de talonario. Por algo é a máis arraigada entre as xentes que viven en Allariz.


1No século XIV, a poboación xudía de Allariz vivía, na súa maioría, nos extramuros da vila, no bairro de Santo Estevo. O colectivo era un grande dinamizador económico da contorna que, ao tempo, sufría o acoso provocado pola oficialidade cristiá. Durante a festividade do Corpus, e aproveitando que a procesión católica saía das murallas de Allariz, os xudeus aproveitaban a ocasión para desafogar as súas iras e frustracións berrando e insultando o paso da comitiva relixiosa. Para poñer fin a isto, un fidalgo chamado Xan de Arzúa decidiu, no ano 1317, montar a lombos dun boi e encabezar a procesión do Corpus, seguido por varios serventes que cargaron e tiraron sacos de formigas aos axitadores.


Outras versións da historia sosteñen que Xan de Arzúa tería sido un cabaleiro que visitaba o lugar. O forasteiro desafiou a prohibición da vila que ditaba que as persoas foráneas non podían cruzar a vila montadas a cabalo e, cando lle obrigaron a baixar do seu corcel, subiuse nun boi e cruzou sobre el Allariz enteira. En calquera dos casos, Xan tería deixado unha manda destes animais para que a veciñanza puidese imitar a súa xesta todos os anos, representándoo como un boneco de palla montado nun boi. Nesta altura, o Xan de Arzúa é o alcume que as veciñas e veciños dan ao boneco de palla que é pendurado do balcón da casa do concello durante a festa.

Desde aquel século e até o estoupido da Guerra Civil, o boi seguiu a saír polo Corpus en Allariz. A tradición, que esmoreceu durante a ditadura franquista, foi recuperada por un grupo de veciños no ano 1983. Hoxe en día, o evento medrou en participación, popularidade e proxección pública. Con dez días de celebración, está considerada Festa de Interese Turístico de Galiza.

 

Participación

Após a revolta veciñal de 1989, que rematou coa investidura de Anxo Quintana como alcalde do concello, Allariz é destacada pola alta participación e voluntarismo na comunidade das súas habitantes. Como sinala Mar Gil no libro Allariz, construción dun país, a festa do Boi é “a máis arraigada no sentimento veciñal; a acción municipal e o compromiso cidadán souberon revalorizar a esvaída tradición conservada, retomando a súa esencia medieval e converténdoa nun acontecemento festivo, turístico e económico de profunda autenticidade”.

O rexedor actual, Francisco García, corrobora isto explicando que se trata dunha festa “que non é a golpe de talonario, senón que é unha festa que a propia xente organiza”. A comisión impulsora do evento, que todos os anos rexistra entre 15.000 e 20.000 visitantes, realízase a través da Asociación Cultural Xan de Arzúa. “Este carácter popular está presente desde a ornamentación das rúas, xa que as veciñas engalanan todos os balcóns da vila, até o financiamento, na mesma petición de fondos dos propios veciños”, engade García. As promotoras da celebración, pois, procuran non só conectar co sentido do divertimento desde unha perspectiva popular senón que realizan, ao mesmo tempo, “un esforzo para entender que a festa vai máis alá e para que non sexa un pretexto para un botellón máis”, declara o alcalde, que tamén ve o espírito da data como un reflexo do “sentimento de rebeldía de Allariz”.

En definitiva, a do Boi trátase dunha “festa de rúa, unha festa de participación social, unha festa que nos conecta co noso pasado medieval, que nos identifica, que reforza moito a cohesión social en Allariz e que ao mesmo tempo tamén ten un retorno económico importante na actividade hostalería e comercial do concello”, conclúe o rexedor.

A recta final

Esta quinta feira 31 de maio, a recta final da Festa do Boi empezará xa de mañanciña cunha carreira matinal. Ás oito da mañá, os animais sairán desde o monte de Penamá e percorrerán as rúas acompañados por varios mozos ataviados con camisa branca e panos verdes. Á tarde, por volta das 17.30 horas, será o PistaBoi, un xogo onde as crianzas poderán aprender sobre a lenda de Xan de Arzúa. “A celebración non ten a ver con ningún espectáculo taurino senón con outras orixes, e este é un xogo para que as máis pequenas aprenden isto”, comenta García.

Logo disto, os gaiteiros do grupo Pándega animarán o ambiente ás 19:30 horas, como previa á última carreira do día, prevista para as 20:30 horas. Durante a noite será a festa de Xan de Arzúa, cando a figura do famoso fidalgo será transportado sobre un carro de vacas até o Campo da Barreira, onde as veciñas celebrarán unha cea popular amenizada por Pándega. Como peche da xornada, a orquestra Marbella deleitará o público cunha verbena nocturna.

A sexta feira abrirá as portas do mes de xuño, mais tamén a dos días grandes da Festa do Boi. As once da mañá chegarán coas treboadas dos Zés Pereira e do Baixo Miño, que farán alborada durante toda a mañá e continuarán durante a tarde e a noite con pasarrúas. Ás 20 horas tamén estarán presentes no encontro dos gremios no Castelo, desde onde tamén sairá a Procesión das Bandeiras até a Praza Maior. Será alí, no balcón da Casa do Concello, onde acomoden a Xan de Arzúa e penduren a bandeira. As dúas carreiras de bois do día terán lugar ás 13:30 e 21 horas. Despois da última, as Treboadas percorrerán as rúas xunto coa batucada Axóuxere, paso previo á verbena na Barreira, co grupo D’Moda. A charanga XL será a encargada de manter o ambiente vivo e esperto polo resto de vías urbanas.

O sábado contará con dúas carreiras do Boi, programadas para as 13:30 e para as 20:30 horas. Os Zés Pereiras repetirán ruada xunto coa charanga vasca Sugarri, en quenda de mañá, tarde e noite, momento en que se lles unirá a charanga XL. No Campo da Barreira, Grupo América SL encherá a velada de música durante unha última verbena, que se prevé multitudinaria. Por último, o domingo a festa do Boi despedirase de Allariz até o seguinte ano con dúas carreiras, ás 13:30 e 19:30 horas, e as mesmas agrupacións musicais de Zés Pereiras e Sugarri para acompañar con ritmo e sabor un feche de celebración a cargo do mesmísimo Xan de Arzúa.

O boi en Allariz, máis que unha festa, un símbolo

Os animais que participan nas carreiras son todos de Allariz, “nacidos e criados nos montes de Penamá”, sinala o alcalde. Porén, Francisco García explica o esforzo que están a facer desde o goberno local para reforzar o boi non só como emblema da festa, senón tamén como un referente de produción e de turismo gastronómico.

Cada ano, Allariz celebra na primeira quincena de outubro unhas xornadas gastronómica de carne de boi. Perto xa da súa sétima edición, o evento procura exaltar o produto e estimular a actividade económica a través do pastoreo. “Acabamos de poñer en marcha un programa específico no que o Concello facilita becerros, adquiridos á Comunidade de Montes en man común de Penamá, a aquelas explotacións existentes no concello para que poidan pastorear en lameiros ou terreos que estean a ficar en abandono, dándolles un ingreso complementario a estas empresas”, aclara García.

O convenio, que entregou por agora vinte primeiras crías e supón un pagamento anual de 500 euros por cada cabeza, axudará a ter “un territorio ordenado, un territorio vivo e un medio rural produtivo”.

[Esta reportaxe foi publicada no número 298 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]