O documental sobre o Alvia percorrerá dez concellos da Coruña

O documental sobre o Alvia percorrerá dez concellos da Coruña
Rolda de prensa de presentación esta mañá en Compostela
Rolda de prensa de presentación esta mañá en Compostela  

A área de Cultura da Deputación distribuirá por dez concellos o documental “Frankenstein-04155” sobre a traxedia do Alvia.


O filme documental Frankenstein-04155, de Aitor Rei, proxectarase en dez concellos da Coruña grazas á iniciativa da área de Cultura da Deputación. A vicepresidenta e responsábel da área, Goretti Sanmartín Rei, destacou a “demanda social” da verdade sobre a traxedia do Alvia e defendeu a urxencia dunha investigación rigorosa que desvele as verdadeiras causas do que, segundo dixo, “pode ser unha das máis grandes estafas do noso tempo”.
 
Boiro, Malpica, Miño, Pontedeume, Narón, Fisterra, Muros, Noia, Ordes e Melide son os concellos en que se proxectará a película documental “Frankenstein-04155” de Aitor Rei, nun programa promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña que se desenvolverá nos meses de xuño e xullo.
 
A iniciativa responde, como lembrou Goretti Sanmartín, a un acordo plenario do 29 de abril no que se aprobou a difusión do documental ademais de recoller, a petición da Plataforma de Vítimas do Alvia, solicitar ao Goberno do Estado a creación dunha comisión de persoal experto e técnico independente para investigar a traxedia de Angrois e a posterior apertura dunha comisión no Congreso dos Deputados para coñecer as causas e establecer responsabilidades políticas.

Goretti Sanmartín: “Debémoslle ás vítimas e as familias unha pescuda sobre a verdade, por xustiza e por responsabilidade"

“Debémoslle ás vítimas e as familias unha pescuda sobre a verdade, por xustiza e por responsabilidade mais debemos tamén esa investigación a toda a sociedade galega porque a cuestión é que podemos estar ante unha grande estafa xa que se nos vendeu un tren que logo se comprobou que non tiña as condicións necesarias”, sinalou Goretti Sanmartín que parabenizou tamén á Plataforma de Vítimas do Alvia por lograren que se continúen a producir noticias como a recente reapertura do caso ou o feito de que o Parlamento Europeo admita a trámite as denuncias por incumprimento da normativa de seguridade e publicidade enganosa.

“O documental trata con forza e rigorosidade a cantidade de vías abertas que a xustiza ten que ter en conta, de feito, a propia película foi aportada como proba na causa”, explicou Goretti Sanmartín para quen a iniciativa da Deputación vai conseguir que o filme chegue a concellos pequenos e medianos aos que tiña difícil acceso. “Cómpre que se difunda, que non se poña un muro á visibilidade respecto do que pasou. A xira polos dez concellos, que funcionarán como cabeceiras de comarca, responde a esta necesidade, á vontade de saber nun caso da gravidade da traxedia do Alvia”, engadiu.
 
Pola súa parte o director, Aitor Rei, agradeceu a recepción do proxecto e a posibilidade de se achegar a lugares en que non é moi difícil proxectar un filme que, segundo dixo, foi o máis visto nas pantallas do Estado español en 2015 e conseguiu recoñecementos como o premio do público en Cineuropa ou a mención especial da Seminci.
 
“Con este programa levaremos polas vilas un cine portátil que permite que se vexa en condicións óptimas. Este documental posibilitou que se abrise o caso e moitas das descubertas que se tratan aparecen reflectidas no último auto xudicial”, sinalou Aitor Rei na súa intervención.
 
“Para nós é unha honra que o documental sexa aportado como proba e que os membros da Plataforma de Vítimas o enarboren cando son botadas fóra do Congreso dos Deputados porque o fin é que non se volva a repetir un caso así. Con este programa haberá unha maior percepción do que sucede e do que non se contou desta desgrazada historia”, engadiu Aitor Rei para quen esta película bota luz sobre “documentos oficiais” e vai “ao cerebro dos espectadores, non as súas vísceras”.