Este domingo volve o Implícate, o maior festival solidario da cultura galega

Este domingo volve o Implícate, o maior festival solidario da cultura galega
Implícate
Implícate  

Este domingo realízase Implícate, un evento solidario xa consolidado na axenda que cada ano nos trae o mellor da cultura galega. Desta vez, música con Caxade, Os da Ría e María Manuela; teatro da man de A Panadaría e Pedro Brandariz, danza con Ánxela Blanco e poesía da man de Elías Portela, Susana Sánchez Aríns, Román Raña e Olga Novo. 


Este ano a temática do Implícate centrarase na campaña Suma, que Implicadas lanza en 2016 mediante unha aplicación de móbil para que as persoas poidan entender en termos máis tanxibles o que a súa colaboración coa organización significa para a transformación das estruturas de explotación Norte-Sur. 

Yolanda Castaño, copresentadora e coordinadora do evento, explícanos a ferramenta: “É unha app móbil que ten tres apartados: Coñecemento, Suma e Fondos, que vehicula máis maneiras de coñecer o traballo de máis de 18 anos de Implicadas, de asociarse, coñecer as experiencias, como participar e explica polo miúdo os fondos que se van recadando e ver como van directos aos proxectos que están en marcha”. Segundo nos conta Castaño, agora mesmo esta  mantén activos dous proxectos: “un de erradicación do infanticidio feminino en Salem e outro de empoderamento de mulleres en Tiruchy”.

A nivel cultural, o Implícate é tamén un referente en Galiza, segundo a poeta: “O elenco sempre é diferente, non repetimos nunca -máis que no décimo aniversario que foi un evento especial-, porque tratamos de que haxa a maior variedade e diversidade posible nos distintos eidos de creación que se despregan: música, escena, literatura e danza”. 

“Está funcionando como unha cita moi establecida, moi consolidada, sempre é no primeiro domingo despois de Reis, e xa temos un público que se foi creando e que está pendente do cartel de cada ano e acude con moito interese e moito agarimo, cousa que para nós é todo un orgullo. Para nós é un día de celebración e un día de balance, pero tamén un día de recoñecemento”, remata Yolanda Castaño, que comparte con María Reimóndez e Celso Parada, de Teatro do Morcego, o peso da organización desta gala solidaria.