ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

Don Antonio Fraguas, lección moral para o nacionalismo cultural

Don Antonio Fraguas, lección moral para o nacionalismo cultural
presentación de O Feito Diferencial Galego, en Compostela, 1998. Acompañan Antonio Fraguas Marcial Gondar e Carlos García Martínez (arquivo MPG-AFF).
presentación de O Feito Diferencial Galego, en Compostela, 1998. Acompañan Antonio Fraguas Marcial Gondar e Carlos García Martínez (arquivo MPG-AFF).  

A figura de D. Antonio Fraguas Fraguas, dedicatario das Letras Galegas do presente ano, constitúe un exemplo de compromiso moral e de dignidade senlleiros na historia da Galicia recente. O mundo do que procedía traza os horizontes da súa vocación intelectual e da realidade social que examina e traduce en termos culturais.


Sen títuloO xeógrafo, o etnógrafo e folklorista e o historiador botan unha mirada constante e reiterada á terra propia e aos hábitos, crenzas e costumes que deseñaban o perfil singular e diferenciado da xente que, radicada nas paisaxes de Cotobade, reflectía o ser e o existir dunha Galicia enteira con parcelas de abondo e con particularidades e contextos diferenciados. Medrou intelectualmente no berce do Seminario de Estudos Galegos, logo de abrir os seus ollos no Instituto de Pontevedra e de coñecer a Losada Diéguez, Sobrino Buhigas e Castelao. Fraguas participou nas xeiras de campo do SEG, nomeadamente nas das comarcas de Melide e do Deza, e colaborou na organización da biblioteca do Seminario. Alí foi testemuña directa da formación do Museo do Museo Arqueolóxico-Etnográfico de Galicia, activo xa en 1930.

Fraguas será obxecto da dura e indiscriminada represión desenvolvida en Galicia á volta do 18 de xullo de 1936 e logo do lóxico repregue derivado desta situación reiniciará os seus traballos de investigación entre 1943-1944, centrados a meirande parte deles no estudo do folklore e en cuestións de interese histórico.

Como etnógrafo, decátase das mudanzas que se producen na cultura das comunidades agrocampesiñas –logo do estancamento na década de 1940-1950– e reiteradamente dirá que “É preciso decatarse fondamente de que rematou unha época […] Camiñar coa historia é camiñar coa vida y-a fecundidade da Tradición e do esprito da Patrea está nese avantar de cada día e de cada hora” (1970). Para el e, en boa medida, para os restantes compañeiros do SEG, a misión que asumían era a de recoller e documentar os distintos aspectos da sociedade campesiña que eles chegaron a coñecer de xeito directo e como partícipes das súas amplas e complexas expresións culturais.

O século XX encadra o devalo sen volta dunhas comunidades con maneiras e costumes que esmorecen decote, en todos os seus ámbitos e dimensións. Fraguas nesta altura é consciente de que está facendo máis historia ca etnografía, se por etnografía entendemos a descrición de realidades, feitos e circunstancias presentes. Cun enfoque que resulta unha constante nos seus traballos etnográficos, Fraguas introduce un marcador cronolóxico, un onte e un hoxe que lle confire á súa etnografía un toque procesual crítico e ilustrativo.

A cultura galega débelle a Fraguas o seu compromiso para difundir o carácter diferencial de Galiza, a súa lingua e a súa cultura

Ao tempo, este enfoque establece unha distancia entre o observador e descritor dos fenómenos tratados e os propios obxectos de estudo, o que sen dúbida fortalece a súa lexitimidade etnográfica: “Ha cambiado en muchos hogares el consumo del pan pero durante largos años el maíz continuará siendo elemento básico en la alacena capesina […] La mecánica ha transformado los aparejos de labranza hasta el punto de poder afirmar con relación a los útiles de trabajo y a las fórmulas del mismo que comienza aquí una nueva etapa, y para que no se pierda, por su valor etnográfico, […]” (1960). Esta cita contén moitas claves para comprendermos debidamente o pensamento etnográfico (polo tanto antropolóxico) deste autor e, tamén, das xentes do SEG e, en boa parte, dos mestres de Nós.

Labor divulgador

A cultura galega débelle a Antonio Fraguas non só os seus coñecementos e aportacións etnográficas e históricas, débelle tamén o seu compromiso para difundir o carácter diferencial de Galicia, a súa lingua e a súa cultura. Neste plano cómpre situar o Museo do Pobo Galego (MPG) e outras institucións ás que prestou o seu esforzo, dedicación e bonhomía. D. Antonio aceptou conxugar as súas obrigas docentes coa atención ás coleccións municipais de Compostela, aceptando en 1960 un posto como vogal da sección de etnoloxía do Museo Municipal de Santiago e asumindo en 1973 a dirección desta entidade. A estas iniciativas e tarefas súmanselles algúns artigos e traballos nos que dá conta das inquedanzas museolóxicas que posuía e da atención que lle merecían os museos como órganos necesarios para a normalización cultural dun País.

Un artigo publicado en Vida Gallega (1960) testemuña o que sinalamos e a proposta de creación dun Centro de Estudos Etnográficos en Pontevedra (1963), dedicado á figura de Vicente Risco, na que el, Bouza-Brey, Taboada Chivite e Alfredo García Alén aparecían implicados mostra a teimuda procura de recuperar ideas e iniciativas do SEG en tempos nos que a represión franquista diminuíra en termos relativos e o réxime podía aceptar, debidamente vixiadas e controladas, accións culturais pasadas polo seu cribo.

O Museo do Pobo Galego

Pero a obra máis relevante coa que Antonio Fraguas tivo unha colaboración máis fonda, xenerosa e continuada foi sen dúbida o MPG. Nela exerceu de cómplice, protector, actor e fedatario. El e Xaquín Lorenzo, coa apoio doutros antigos membros do SEG e do galeguismo cultural (Taboada Chivite, Filgueira Valverde, Fernández Albalat e Álvarez Blázquez) tutelaron unha iniciativa orientada a enlazar a Galicia de hoxe coa nación imaxinada pola secuencia sucesiva das Irmandades da Fala, do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos (SEG). As tres institucións forxaron o arco ben domeado para lle dar forma e estrutura política, social, cultural e científica a un proxecto necesario de País.

Fraguas introduce un marcador cronolóxico, un onte e un hoxe que lle confire á súa etnografía un toque procesual crítico e ilustrativo

O MPG naceu como resposta posible e como compromiso obrigado nos tempos inmediatamente posteriores á longa e escura noite de pedra, nuns momentos de fervedoiro cultural e de compulsiva recuperación dunha identidade cultural preterida e negada polos axentes do réxime franquista. O que latexaba baixo o MPG era –e segue a ser– o espírito do SEG e, como institución que privilexiaba a cultura popular condensada en temos histórico-etnográficos, só personalidades como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas posuían a autoridade intelectual e moral e un saber ben encadeado para comezar un proxecto, daquela, incerto, nada doado e moi complexo.

O propio Fraguas ten recoñecido de maneira indirecta a tutela e a beizón que el e outros vellos membros do SEG dispensaron á xente nova promotora do MPG, que recoñecía o papel efectivo e a forza simbólica que aquelas figuras proporcionaban a esta inxente tarefa cultural. Aceptou a vicepresidencia do Padroado e a dirección do Museo e, tralo pasamento de Xaquín Lorenzo, a presidencia da institución ata o seu falecemento o ano 1999.

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas, á venda a loxa]