NÚMERO 41 DA MÁIS VETERANA REVISTA LITERARIA

'Dorna' de palabras

'Dorna' de palabras
Dorna Rosalía. Foto: cedida.
Dorna Rosalía. Foto: cedida.  

A máis veterana das revistas literarias galegas, Dorna, vén de publicar o seu número anual, o 41. Poesía, narrativa curta, tradución, escrita dramática e poéticas compoñen este repositorio de voces novas e consagradas situadas en pé de igualdade.
 


A tradución dos poemas dedicados a Xénova e as vilas das Cinco Terras -na costa ligur- polo poeta Eugenio Montale (Xénova, 1896-Milán, 1981) protagonizan xustamente a sección Voces de Fóra. A versión é doutro poeta, neste caso o ceense Miro Villar, quen sitúa Montale entre os seus “poetas de cabeceira”.

Entre os inéditos incluídos no exemplar, poemas dalgunhas das autoras máis relevantes da actualidade: María do Cebreiro, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Celso Fernández Sanmartín, Miriam Ferradáns ou María Lado. Tamén hai espazo para poetas aínda sen libro individual, como Afra Torrado, Olalla Tuñas, Quico Valeiras, Belén Senín, Paula Antía Rey ou Ana Varela.

No apartado dedicado á prosa participan Ana Cabaleiro, Xavier Queipo, Xosé Carlos Carracedo, Rexina Vega e Anna Figueiredo. Das escritas dramáticas encárganse Paula Carballeira e Esther Carrodeguas. Finalmente as poetas Olga Novo e Claudio Rodríguez Fer achegan as súas consideracións sobre poética: Eu Camile, ti André. / Eu André, ti Camille e Diálogos imposíbeis, respectivamente.

Dorna 41 aparece ilustrada con imaxes de Benxamín Otero.

A revista Dorna, de subtítulo Expresión literaria galega, naceu en 1981 da man da Asociación Cultural Dorna, da Illa de Arousa. No segundo número pasou á cátedra de Filoloxía Galega da Univesridade de Compostela, que a cntinúa editando canda a Secretaría Xeral de Política Lingüístca. A dirección corre a cargo de Ramón Lourenzo, a secretaría de Alba Cid, quen, con Ismael Ramos, conforma o actual comité de redacción da publicación.



x