TAMÉN UXÍA E ZELTIA MONTES OPTAN Á MELLOR CANCIÓN ORIXINAL

Dous filmes do coruñés Alberto Vázquez, candidatos aos Goya

Dous filmes do coruñés Alberto Vázquez, candidatos aos Goya
Fotograma de 'Psiconautas, los niños olvidados'
Fotograma de 'Psiconautas, los niños olvidados'  

Alberto Vázquez continúa recibindo boas novas. Tanto a longa de animación 'Psiconautas' como a curta 'Decorado' están nominadas aos Goya. 


A representación do cinema galego nas candidaturas aos Premios Goya é ben ampla. Ademais dos filmes de Alberto Vázquez, Zeltia Montes opta á mellor canción orixinal por 'Muerte' no documental 'Frágil equilibrio', tema interpretado por Uxía. E o actor ferrolán Javier Gutiérrez competirá como mellor actor de reparto por 'El Olivo'. 

Os filmes 'María y los demás' e 'Cien años de perdón', coproducidas por produtoras galegas, optan a dous galardóns cada unha

En canto aos filmes con produción galega, a fita galego-catalana 'María y los demás' (coproducida por Frida Films e parte do guión a cargo de Diego Ameixeiras) ten dúas nominacións: á mellor dirección novel para Nely Reguera e mellor actriz protagonista para Bárbara Lennie. E o filme 'Cien años de perdón', coproducido pola produtora coruñesa Vaca Films e coprotagonizado por Luís Tosar, tamén opta a dúas estatuíñas: actor revelación para Rodrigo de la Serna e mellor guión orixinal para Jorge Guerricaecheverría.

E o director de animación Alberto Vázquez continúa co seu paseo triunfal por todo tipo de premios e festivais de todo o mundo. Nos Goya optará aos dous galardóns dedicados aos filmes animados: mellor longametraxe por 'Psiconautas, los niños olvidados', e mellor curtametraxe por 'Decorado'.