Dous libros galegos no podio mundial da literatura infantil e xuvenil

Dous libros galegos no podio mundial da literatura infantil e xuvenil
Calveiro
Calveiro  

O IBBY apuntou con tiro certeiro.  Dúas obras editadas en Galiza que contan xa con distintos premios incorpóranse as súa listaxe de honra. Son Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais) e a edición de Kalandraka con tradución de Carlos Acevedo dos Contos por teléfono de Rodari. 


Na categoría de escritores, Marcos Calveiro consigue o recoñecemento do IBBY pola súa obra “Palabras de Auga”, libro afortunado que naceu despois de gañar o Premio Merlín en 2012 e foi tamén recoñecido co Fervenzas literarias. Catro edicións leva tirado Xerais do libro de Calveiro, unha historia de aprendizaxe da vida e do mundo que nos leva a África da man de Amadou, da tribo dos Kimba. 

O IBBY faille lugar tamén na súa lista de honra a outra libro editado na Galiza. Trátase de “Contos por teléfono” de Gianni Rodari, editado por Kalandraka con tradución de Carlos Acevedo, desta volta na categoría de tradución. O libro recibira xa o Premio Isaac Díaz Pardo en 2011, da Asociación Galega de Editores polas ilustracións de Pablo Otero. 

Referencia internacional na Literatura Infantil e Xuvenil, tomar parte da listaxe de honra da organización internacional IBBY supón, ser seleccionado como as mellores obras e reverte nunha difusión internacional promovida polo propio organismo. O IBBY distribúe 2.000 exemplares do catálogo entre os participantes do seu congreso e en actividades da organización en distintos países do mundo, difunde a listaxe na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña e deposítase nos centros dedicados á literatura de novos lectores.