Dudamel: “A música é unha ferramenta fundamental para o cambio social”

Dudamel: “A música é unha ferramenta fundamental para o cambio social”
Gustavo Dudamel na rolda de prensa en Abanca [Foto: Bea Gutiérrez]
Gustavo Dudamel na rolda de prensa en Abanca [Foto: Bea Gutiérrez]  

O director venezolano reivindicou na súa chegada a Galiza a arte e a música como ferramentas para o necesario cambio social. “Eu soño cun mundo onde os nenos teñan a música e a arte como parte do seu desenvolvemento humano”, defendeu Dudamel, que ofrecerá un concerto coa 9ª de Beethoven na Praza do Obradoiro esta sexta feira.


Gustavo Dudamel dirixirá na sexta feira -7 de xullo- á Orquestra Sinfónica de Galicia na Praza do Obradoiro xunto co Orfeón Donostiarra, a soprano Marta Matheu, a mezzo-soprano Lidia Vinyes Curtis, o tenor Marc Sala e o barítono Joan Martín-Royo. Este concerto forma parte do programa “Palabras para Galicia” de Abanca, co que ademais quere celebrar os 300 anos do Banco Etchevarria. 

A obra elixida é a 9ª Sinfonía de Beethoven, que segundo o tamén compositor “é a mellor obra para un encontro coma este nunha cidade emblemática e milenaria, pero á vez chea de futuro e de mocidade”. Afirmou ademais que este é un “reto fermosísimo”:  “Non hai mellores elementos que ter unha 9ª Sinfonía cunha grande orquestra, un gran coro, uns solistas marabillosos e un espazo emblemático…“

Dudamel: "Eu sinto que a 9ª Sinfonía non é unha obra de todo musical, é unha mensaxe moi profunda de humanidade e é por iso que foi escollida para celebrar todo iso"

Dudamel recoñeceu que tivo a tentación de traer repertorio latinoamericano, pero “eu tamén creo que Beethoven deixou de ser alemán e convertiuse nun compositor universal. O da 9ª sinfonía é moi especial polo que significa. Eu sinto que a 9ª Sinfonía non é unha obra de todo musical, é unha mensaxe moi profunda de humanidade e é por iso que foi escollida para celebrar todo iso. Nos momentos que vivimos traer este himno, esta oda á alegría, á paz, á unión, a levarnos como irmáns, é perfecto para este momento e para esta celebración. Por iso ademais debo dicir que nestes últimos anos eu estiven traballando moitísimo neste repertorio con varias orquestras e varios proxectos, e Beethoven sempre estivo aí. A mesma partitura que recibín na miña vida foi a 5ª Sinfonía cando tiña 9 anos, así que sinto que Beethoven é moi venezolano e tamén bastante galego”, dixo entre risos.

O director amosouse feliz de tocar coa Sinfónica e de estar en Galiza que, segundo el, “está conectada con Venezuela absolutamente. Eu dalgunha maneira síntome galego porque a comunidade galega en Venezuela é xigantesca. Lembro de neno visitar o centro galego en Barquisimeto e hai unha conexión xa non só cultural senón sanguínea, xa forma parte das nosas estruturas xenéticas. E iso é algo fermosísimo, é unha ponte inquebrantable”.

“Tiven a sorte de medrar co proxecto de Sistema de Orquestras Infantís e Xuvenís de Venezuela, é un orgullo patrio que está a ser replicado en moitos lugares do mundo "

Reivindicación da arte

O venezolano reivindicou tamén que a música debe ser accesible a todos, “debe ser un dereito humano. Todos os nenos deben ter acceso á arte como ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento no futuro”. E queixouse de que ás veces “a cultura está moi apartada”. “Vemos como a educación e a ciencia son importantes, ou o deporte, pero a cultura está sempre nun rincón afastadísimo, cando está probado que o feito de que un neno toque nunha orquestra ou nun coro supón unha aprendizaxe exemplar no desenvolvemento dun cidadán. Eu soño cun mundo onde os nenos teñan a música e a arte como parte do seu desenvolvemento humano” .

Venezuela como modelo

“No meu caso medrei rodeado dela”, recoñeceu, “tiven a sorte de medrar co proxecto de Sistema de Orquestras Infantís e Xuvenís de Venezuela, é un orgullo patrio que está a ser replicado en moitos lugares do mundo e significou unha nova visión da música como elemento de transformación social. En Venezuela a orquestra sinfónica é algo cotiá, é moi normal que na túa comunidade se escoite unha sinfonía”. 

"Creo que en momentos coma este as ideoloxías, os egos e os intereses persoais hai que poñelos a un lado, porque estamos a falar dun país marabilloso que o ten todo para ser potencia"

O director lembrou que nos anos 70, cando o mestre Abreu creou este programa, o 90% dos músicos que había nas dúas únicas orquestras do país “eran estranxeiros”. E todo isto comezou cunha ducia de persoas e rematou con máis de 700.000 rapaces, lembrou. “E hai pouco creamos a Nova Orquestra nacional Xuvenil de Venezuela e presentáronse ás audicións 7.000 nenos e mozos para unha orquestra de 140”. 

“Estamos vendo que de verdade hai algo, a cultura, a música está movendo un país, especialmente nun momento tan complexo como está vivindo Venezuela, de tanto conflicto, de tanto desencontro, que haxa uns nenos que están soñando con construír un mellor futuro. É un proxecto de esperanza e de futuro”. 

Creo que estamos nun burato e xa tocamos fondo, pero creo que na fortaleza dun país que quere saír adiante

A situación de Venezuela

O director e compositor, que foi preguntado pola situación política de Venezuela, non se posicionou en ningún dos bandos: “Non se pode imaxinar como me doe o meu país. Creo que neste momento hai moito ruído, musicalmente falando existe unha xigantesca cacofonía e non se está a crear unha harmonía para o futuro. A situación política é moi complexa. E creo que en momentos coma este as ideoloxías, os egos e os intereses persoais hai que poñelos a un lado, porque estamos a falar dun país marabilloso que o ten todo para ser potencia, e creo que o máis importante neste momento é encontrar os puntos de encontro para que Venezuela poida entrar de novo nun vieiro de productividade, de paz, a pesar de que é un termo que hoxe non ten moito sentido”. 

Rematou preguntándose “Que valores lle podemos dar aos nenos se na rúa ou na televisión atopan un conflicto perenne? Creo que estamos nun burato e xa tocamos fondo, pero creo que na fortaleza dun país que quere saír adiante. O Goberno ten que escoitar á xente, hai que buscar un punto de encontro. Temos que buscar unha saída que sexa positiva para todos os cidadáns, non para un lado nin para o outro. Porque o meu país está a vivir na división e no radicalismo que non nos favoreceu en nada”.