32 EDICIÓN DE “GALEGO SEN FRONTEIRAS”

Quico Cadaval analiza a historia do teatro galego desde as Irmandades a hoxe

Quico Cadaval analiza a historia do teatro galego desde as Irmandades a hoxe
Quico Cadaval á entrada da súa conferencia [Imaxe RAG]
Quico Cadaval á entrada da súa conferencia [Imaxe RAG]  

“As Irmandades da Fala tentaron ocupar todas as áreas do coñecemento, da arte e da comunicación en galego, e foi así como a lingua entrou no teatro burgués. Un caso moi significativo, pola grande aspiración que supuxo, foi a creación do poema épico O Mariscal”, explicou o dramaturgo Quico Cadaval no relatorio sobre a historia do teatro galego que impartiu nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”que a RAG coorganiza.


A 32 edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, coorganizados pola Real Academia Galega e que decorren durante este mes de xullo coa participación de alumnado de máis de vinte países diferentes, contou cunha palestra a cargo de Quico Cadaval sobre a historia do teatro galego.

O dramaturgo, director e narrador escénico convidou o alumnado a realizar da súa man un repaso pola traxectoria do teatro galego partindo do labor realizado polas Irmandades da Fala.

“A comedia sempre provocou desconfianza nas autoridades civís e relixiosas. Por iso o teatro nunca se librou de ser unha arte do demo”, salientou Cadaval

“A comedia sempre provocou desconfianza nas autoridades civís e relixiosas. Por iso o teatro nunca se librou de ser unha arte do demo”, salientou Cadaval no seu relatorio que impartiu na quinta feira 18 de xullo. Esgrimiu ademais que ao teatro e ás marionetas chámaselles popularmente “figuras do demo”.

Cadaval sinalou que de feito, a aposta das Irmandades da Fala por crear un teatro burgués en lingua galega como ferramenta de normalización tamén incomodou o poder. O propio gobernador civil, segundo relatou, apupou o elenco durante unha representación d’O Mariscal (1926), a obra de Ramón Cabanillas inspirada na historia de Pardo de Cela.

“Se tiñas unha ópera, tiñas unha nación”, explicou Cadaval

“As Irmandades tentaron ocupar todas as áreas do coñecemento, da arte e da comunicación en galego, e foi así como a lingua entrou no teatro burgués. Un caso moi significativo, pola grande aspiración que supuxo, foi a creación do poema épico O Mariscal, inspirado nun mito fundamental do nacionalismo galeguista”, sinalou Cadaval e engadiu que as Irmandades precisamente desexaban facer unha ópera porque iso era o máximo da cultura burguesa: “se tiñas unha ópera, tiñas unha nación”, explicou.

Castelao soubo combinar o popular e o vangardista

Quico Cadaval detívose tamén no caso d’Os vellos non deben de namorarse, onde Castelao soubo combinar o popular e o vangardista. “A compañía Airiños seguiría a representala sempre que puido durante o franquismo, que só autorizaba a súa posta en escena en galego se tiña fins benéficos”, sinalou Cadaval. Xa nos últimos anos da ditadura, produciríase a fundación do teatro profesional galego moderno arredor da I Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, en 1973. A dramaturxia daquela década tivo un marcado compromiso político que a partir dos anos 80 daría paso a un teatro máis humorístico con iniciativas como a artellada arredor da Sala Nasa por Chévere, compañía que logo evolucionaría cara a espectáculos máis elaborados, concluíu Quico Cadaval.

O programa de palestras dos Cursos “Galego sen fronteiras” contou ao longo destas semanas coa participación do creador Antón Reixa, a cantante e musicóloga Paulina Ceremużyńska, o Colectivo de Poetas de Bruxelas, a xornalista María Yáñez e o contador Celso Fernández Sanmartín. O alumnado tamén participou en obradoiros de música e baile tradicional e visitou a Real Academia Galega, onde o presidente Víctor F. Freixanes impartiu a conferencia inaugural. O vindeiro 24 de xullo realizarase a clausura da 32 edición destes cursos na Facultade Filosofía de Santiago de Compostela.