Os editores galegos do libro maldito de Peter Handke

Os editores galegos do libro maldito de Peter Handke
O escritor Peter Handke nunha foto de 1983. Foto: Wikipedia (Gorupdebesanez).
O escritor Peter Handke nunha foto de 1983. Foto: Wikipedia (Gorupdebesanez).  
Preguntando entre bágoas recolle cinco textos de Peter Handke, premio Nobel de literatura en 2019, a medio camiño entre o dietario, o ensaio, o xornalismo contrario aos seus usos dominantes e unha escrita híbrida, sempre realista. O subtítulo expón o seu contido: “Apuntamentos sobre Iugoslavia baixo as bombas e arredor do Tribunal da Haia”. Foi un dos seus volumes malditos e da súa edición en castelán encargáronse dous galegos.

Xenaro García Suárez, matemático e no seu día tradutor de Marx ao galego, e Xosé Luís García Canido, especialista en xestión cultural, constituíron no inicio da década en Madrid a editorial Alento. Inaugurárona con dúas obras: unha versión bilingüe galego-castelán de Mar ao norde de Álvaro Cunqueiro e este Preguntando entre bágoas (2011). “Existía unha prohibición tácita entre os editores habituais de Handke no Estado para publicalo”, explica a Sermos García Suárez, “polo que é axeitado cualificalo de 'maldito”.

Ese malfado derivaba das posicións do intelectual Peter Handke (Griffen, Austria, 1946) respecto das guerras iugoslavas dos noventa. O establishment europeo acusábao de apoiar o bando serbio e o seu dirixente político, o presidente Slobodan Milosévic, en declaracións públicas e en dous libros que recollían viaxes pola Iugoslavia en guerra: Unha viaxe de inverno aos ríos Danubio, Save, Morava e Drina (Xustiza para Serbia) (1996) e Apéndice de verán a unha viaxe de inverno (1997).

preguntando entre lágrimas - peter handke (cuberta)“Eu sempre mantiven unha postura crítica coa información que se publicaba sobre as guerras dos Balcáns”, di a este xornal Xosé Luís García Canido, “e lía o que ía escribindo Handke nos anos noventa. Até que o censuraron. Eu cada vez coñecía mellor a zona [a súa familia política é serbia] e sabía que alí existía outra historia. El era dos poucos que a contaba”. Cando se baixa ás páxinas de Preguntando entre bágoas, percíbese o observador empático, que procura entender o que sucede e en absoluto nega masacres -“entre as que as de Srebrenica de xullo de 1995 son, con distancia, as máis abominábeis”, escribe- nin sufrimentos de ningún dos bandos en guerra. Ao tempo, expresa desolación pola desaparición da Iugoslavia federal e socialista.

“A aniquilación de Iugoslavia, aínda non de todo evidente para o resto do mundo, é unha emboscada que me parece temporal e non local, e que será desastrosa máis adiante”, aseguraba en 1999 en Apuntamentos da posteriori a segunda viaxe de guerra por Iugoslavia, incluído na edición de Alento e que sintetizaba as súas impresións sobre o terreo durante os bombardeos da OTAN na chamada guerra de Kosovo. Preguntando entre bágoas é tamén un durísimo requisitorio antiimperialista e un virulento ataque contra as institucións da hexemonía mundial estadounidense, unha das máis emblemáticas dirixida daquela polo español Javier Solana.

Peter Handke camiña entre a destrución e iso é o que relata. A súa tradutora ao castelán, Cecilia Dreymüller, explica no limiar o que sucedera co seu traducido: “A súa negativa a clasificar os serbios como un pobo de asasinos per se e de participar na demonización pública do seu antigo presidente afástase do consenso xeral, e con este operaron os medios de comunicación, que finalmente negaron a Handke o dereito ao disentimento”.

A conexión co autor
Este contexto foi o que permitiu que unha editorial acabada de estrear -hoxe en hibernación-, se fixese coa posibilidade de publicar estes textos de non ficción. “Cando decidimos intentar a publicación, puxémonos en contacto coa súa editorial alemá, Suhrkamp Verlag. Eles dixéronnos que, se contabamos co permiso do autor, non habería problema”, lembra García Canido. Mais localizar Handke non resultaba tan doado.

Só unha singular mediación o permitiu: o pope ortodoxo serbio de París, onde reside o autor, foi o enlace. Descubriuno a dona de Canido, empregada da embaixada serbia en Madrid. Os editores galegos de Alento escribiron ao escritor vía postal coa proposta. “Respondeunos preguntando se sabiamos onde nos metiamos”, fai memoria Canido, “por certo, coñecía Cunqueiro. É un experto na literatura do Estado español”. Handke recibiu a maqueta do libro, con deseño de Xosé Freixanes, “e encantoulle”. Alento volveron contactar con Suhrkamp e axiña chegaron a un acordo: “Notamos que Handke metera man”.

O escritor non presentou Preguntando entre bágoas no Estado. “Non lle apetecía, creo eu, enfrontarse á prensa española. Tiña rancor cunha parte dos medios”, afirma García Canido, “e nós mesmo quixemos traelo á Galiza. Ao final nada. Pero el estivo na Galiza varias veces, en Tui, Santiago e Pontevedra polo menos, como relata en Onte, de camiño (2005)”. O editor mantén o contacto postal con Handke, e de cando en vez recibe algunha carta redactada en inglés, serbio e castelán.

“El cría en Iugoslavia como crisol de culturas e relixións”, conclúe e opina: “Meteuse nun lío, porque quedou a dúbida de que apoiaba Milosévic, pero el non o apoiou. Handke viaxou aos Balcáns con todas as consecuencias, só, e contou o que vía”.

As razóns últimas desa dúbida e da súa marxinación a causa de disentir da xeopolítica oficial posterior ao muro de Berlín, seguramente a resumiu noutra pasaxe do Apuntamento a posteriori: “Non perdería o mundo occidental a capacidade de discernimento e, co discernimento, non perdería tamén a súa alma e, con esta, a súa ollada libre e plural, e non sería así desde o intre en que os estúpidos e autocompracentes filmes de Clint Eastwood se equipararon aos de John Ford?”.

Nota: cuberta da edición de Alento de Preguntando entre bágoas.