O ÚNICO ABERTO E REMUNERADO DA SÚA MODALIDADE

A editorial Hugin e Munin convoca o seu segundo premio de tradución

A editorial Hugin e Munin convoca o seu segundo premio de tradución
Libros. Foto: cedida.
Libros. Foto: cedida.  

A tradución de narrativa é o núcleo do traballo da editorial Hugin e Mugin. Novelas e relatos de variada época -a partir do século XIX- compoñen as súas coleccións. Agora convocan a segunda edición do Premio Realia de Tradución Literaria para “recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas circunscritas á novela e á novela curta”.
 


Dotado con 1.200 euros e a publicación do traballo, é de periodicidade bianual. Na primeira convocatoria gañou Detrás da máscara: o poder dunha muller, da escritora estadounidense Louisa Mary Alcott e orixinal de 1866. A versión galega é de Antía Veres Gesto.

“O obxectivo do premio é outorgarlle visibilidade ao traballo dos profesionais da tradución”, indican desde a editorial, “ademais, a obra gañadora será cedida á Biblioteca Virtual (Bivir) da Asociación de Tradutores Galegos pasado un ano da publicación en papel”. O prazo para recibir os orixinais remata o 1 de marzo de 2019.

Hugin e Mugin sinala que o premio Realia é “a día de hoxe o único certame remunerado deste tipo aberto a calquera partipante”. Outros galardóns como o Ramón Cabanillas ou o Lois Tobío desapareceron. O Plácido Castro perdeu a compensación económica. E o da Gala do Libro Galego “é de carácter honorífico”. O Premio de Tradución da Universidade de Vigo, lembran, “conta felizmente cunha partida coa que remunerar o gañador” mais só poden participar “persoas vinculadas á institución”.

O Premio Realia de Tradución Literaria conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.