A Eira da Xoana, premio “Garabato” polo seu traballo a prol da cultura rural

A Eira da Xoana, premio “Garabato” polo seu traballo a prol da cultura rural
Adela Figueroa agradecendo o premio. Ao seu carón, a dereita, Marcial Barral, vicepresidente da Fundación Eira.
Adela Figueroa agradecendo o premio. Ao seu carón, a dereita, Marcial Barral, vicepresidente da Fundación Eira.  
 A Fundación Eira da Xoana recibiu o Premio Gabriel Barreiro Toural, “Garabato” en Palas de Rei, durante a XX Mostra de Teatro Amador.

Metátese Teatro e Alentía Teatro concederon á Fundación Eira da Xoana o premio na súa segunda edición "pola súa defensa decidida do patrimonio cultural galego, a súa aposta polo mundo rural, a súa contribución á creación de conciencia ecolóxica, o seu aprecio, respecto e conservación da sabedoría transmitida pola tradición cultural galega e o seu compromiso coa lingua galega e coa recuperación e posta en valor de especies autóctonas". 

O galardón, que consta dunha peza de arte elaborada pola artista ourensá María Iglesias Gil e que ten unha dotación de 1.000 euros, foi recollido pola presidenta da Fundación EiraAdela Figueroa, de mans da nai de Gabriel Barreiro Toural.

A Eira da Xoana é un proxecto que ten coma obxectivo "concienciar e pór en práctica os principios ecoloxistas e socioculturais que defende ADEGA", a entidade impulsora. A rehabilitación do lugar xa recibiu varias distincións de arquitectura, entre eles, o Premio Manuel Gómez Román na categoría de construcións tradicionais rehabilitadas e restauradas. E foi finalista na XIV Edición dos Premios COAG (2011) e nos Premios Arquitectura Plus (2011). O espazo, como centro de actividades comunitarias e socioculturais, combina a recuperación do medio coa posta en valor da cultura do país.