Eli Ríos gaña o Premio González Garcés de poesía con ‘Ningunha tortilla é mala’

Eli Ríos gaña o Premio González Garcés de poesía con ‘Ningunha tortilla é mala’

Sivia Penas con Subministro é a finalista do certame.


‘Ningunha tortilla é mala’ de Eli Ríos é a obra gañadora do Premio González Garcés de poesía entre os 92 orixinais presentados ao concurso. Como finalista, o xurado escolleu o libro Subministro da poeta Silvia Penas.

O xurado destaca que na obra de Ríos, "hai unha poesía pictórica e secuencial, case minimalista que xoga coa metalingüística" e nela atopan tamén  "humor e a retranca que, sen romper a profundidade do texto, o alixeira". "O texto ten a capacidade de conectar un mundo que vai do detalle ao universal, mediante un xogo linguüístico no que se vale dunha estética do silencio", apunta o fallo do xurado que fala dunha obra "moi sensorial que podería resumirse como o relato da elaboración dunha tortilla sinestésica como metáfora do desexo.

O xurado estivo composto por Vicente Araguas, Enma Pedreira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Vilar e Lorena Conde como gañadora da edición anterior, presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei coa xefa de sección, Mercedes Fernández Albalat como secretaria. 

Eli Ríos gañou premios de poesía como o do XII Premio Concello de Carral (2009) con nós escoitando o badalo de marienplatz, o IV Premio de poesía erótica Illas Sisargas (2009) con rúa da cancela, o I Premio Figurante (2013) con María, o II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey (2014) con anamnese e o III Premio Gonzalo López Abente (2017) con Culpable. Ademais, como narradora, Eli Ríos gañou o Modesto Figueiredo en 2015 con Doe tanto a túa ausencia, o XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración da Deputación de Ourense con Marta e a píntega, e o Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña en 2017, na primeira edición en que se convocou unha modalidade exclusiva para galego coa obra Luns. A autora forma parte do colectivo de crítica literaria feminista A Sega e colabora na revista dixital do mesmo nome.

Silvia Penas, finalista do premio, forma parte do proxecto musical e poético Cinta Adhesiva e ten publicado os libros As uñas crecen (Sotelo Blanco, 2014), gañadora do Premio Lueiro Rey de Fornelos de Montes e Diario de landras, bailarinas, asasinas e flores, (Fervenza, 2016), gañador do premio Avelina Vallarades

O premio consiste en 6.500 euros máis a publicación da obra premiada por parte da Deputación da Coruña dentro da colección do Premio González Garcés.



x