ESCAPARATE DO LIBRO GALEGO E PORTUGUÉS

A emblemática libraría viguesa Andel anuncia o seu peche

A emblemática libraría viguesa Andel anuncia o seu peche
A libraría Andel, de Vigo. Foto: @AndelLibraria.
A libraría Andel, de Vigo. Foto: @AndelLibraria.  

Dúas décadas de existencia. Eis o tempo de vida dunha das máis emblemáticas librarías de Vigo, Andel, especializada en libro galego e portugués e que esta quinta feira anunciaba o seu peche nas redes sociais.
 


“Hoxe, 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, anunciamos o peche do espazo libreiro Andel. Na vindeira semana comezará a liquidación de fondos bibliográficos e discográficos até o 30 de marzo”, escribían na súa conta de twitter.

Curiosamente, Andel iniciou a súa andaina no mundo virtual. Andel Virtual chamouse, xustamente, a páxina web coa que, da man de Xaime Nogueira, foron pioneiros na venda por Internet de libro galego e portugués. Dous anos despois abriron o local da avenida das Camelias, en Vigo, duns 100 metros cadrados e “co fin de dispor dun lugar onde achegar aos interesados ao libro e á cultura galega onde celebrar actos, encontros, presentacións de libros, exposicións...”.

De feito, Andel funcionou como epicentro vigués para o libro galego. O ex director de Xerais, Manuel Bragado, confesábase “conomocionado” pola noticia: “Outro síntoma da fraca saúde do noso tecido libreiro, máis aínda o especializado en lingua galega. Moitos abrazos de gratitude para Xaime Nogueira artífice dunha fantasía necesaria”.



x