A emigración galega a debate no Red Star Line de Antwerpen, Bélxica

A emigración galega a debate no Red Star Line de Antwerpen, Bélxica
Emilia Garcia Lopez, responsable de Acción Exterior (CCG)
Emilia Garcia Lopez, responsable de Acción Exterior (CCG)  

O Consello da Cultura Galega participa en Bélxica na xuntanza anual que organiza a Asociación Europea de Institucións Migratorias.

 


A vixésimo novena xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que reúne institucións relacionadas con temática migratoria, arrincou o día 2 de outubro no Red Star Line de Antwerpen (Bélxica). Esta cita, que durará até o sábado 5 de outubro, “está centrada en coñecer como se documenta a memoria dos movementos migratorios”, explica o Consello da Cultura Galega (CCG) nun comunicado de prensa.

O CCG participa neste evento a través do Arquivo da Emigración Galega cun relatorio (“The project for a Museum for Galician Migrations (Diásporas. Museo das Migracións Galegas). Towards an entangled view of human mobility”) da man da responsable de Acción Exterior, Emilia García López, e o historiador Xosé M. Núñez Seixas, no que se tratarán as singularidades e características do fenómeno migratorio galego, xa que, neste caso “a migración masiva deixou as súas pegadas en todos os aspectos da historia galega, dende a política até a vida cotiá”, engade.

“A migración masiva deixou as súas pegadas en todos os aspectos da historia galega, dende a política até a vida cotiá”

Na intervención, que se desenvolverá no marco dun panel sobre as diásporas, na mañá da sexta feira 4 de outubro, Emilia García situará a Galiza como destaque “entre as áreas migratorias en Europa durante o período de migracións masivas (1880-1930) e no período posterior (1946-1970)”. Tamén “cuantificará en case 2 millóns os galegos e galegas que abandonaron o seu país para as Américas (principalmente para América do Sur e Cuba), así como para outros destinos ibéricos e europeos”, explica.

Ademais da súa participación co relatorio, Emilia García tamén será a coordinadora dunha mesa na que se dará conta das características da emigración polaca. Pódese consultar o programa completo aquí.

A Asociación Europea de Institucións Migratorias, conformada por corenta entidades de toda Europa, é unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración.

Acción Exterior e o Arquivo da Emigración Galega

O Arquivo da Emigración Galega nace como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose dende o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para as investigadoras e os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio. Ao tempo, o propio Consello da Cultura Galega mantén unha liña de Acción Exterior, a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras.