"Enarborar o bosque", unha romaría artística contra os lumes forestais en Carnota

"Enarborar o bosque", unha romaría artística contra os lumes forestais en Carnota
Praia Boca do Río de Carnota (D.S)
Praia Boca do Río de Carnota (D.S)  

A romaría artístico-reivindicativa “Enarborar o bosque” chega este sábado a súa cuarta edición cunha xornada contra os lumes forestais en Carnota. 


De mañá á noite, poesía, música, teatro e artes plásticas danse cita este sábado día 7 en Carnota na cuarta edición da romaría artístico-reivindicativa “Enarborar o bosque” que chega a súa cuarta edición. Desta volta, a iniciativa cultural quere chamar a atención sobre os efectos dos incendios forestais ao pé do Monte Pindo, no que están a vista as consecuencias do lume que o abrasou en setembro do pasado ano. Será na praia Boca do Río de Carnota, na convocatoria anual organizada por Factoría Delideas e o colectivo arTeu.

Os contacontos e monólogos de Miguel Angel Alonso Diz, Ana Hermida e Xesús Pisón darán inicio por volta das 11.30 a unha longa xornada que rematará á noitiña coa actuación de Xurxo Souto. Entre unha e outra sesión, a poesía darase cita en varias ocasións con recitais nos que participarán  Iolanda Aldrei, Miguel Angel Alonso Diz, Petri Danza,  Charo Pita, Paco Souto, Chelo Suárez, Bilal Traoré, Francisco X. Fernandez Navall, Asun Estévez, Manuel Teira Luaces, Hortas Livres e  Angel Marcelo. O teatro e os relatos orais virán da man de Sapoconcho Galego, Dubi Méndez Baamonde,  Josito Porto, Cesar Cambeiro e Zezilia Meléndrez Fassbender. Da parte musical, “Enarborar o bosque” contará, ademais de con Xurxo Souto, con Cesar Morán, Xosé Taboada, Paco Campos e Alfredo Padilla. 

Na Boca do Río, ao pé do Pindo

Artistas plásticos, fotógrafos e fotógrafas crearán na natureza durante toda a xornada cun amplo grupo de nomes entre os que ese atopa Xacobe Meléndres Fassbender, Maribel Longueira, Juan Naveira, Delio Sánchez, Inma Doval ou Nolo Xuárez. 

“Escritores e artistas xuntámonos este día en Carnota, baixo o influxo do Monte Pindo, para chamar a atención da sociedade sobre o problema dos lumes forestais. Un problema crónico que se repite periodicamente, con maior intensidade, pero que está presente todos os anos, con dous picos estacionais situados a finais do verán e a principios da primavera”, comeza o manifesto que se lerá ao longo da xornada reivindicativa e artística que se desenvolverá na praia Boca do Río de Carnota, baixo o Monte Pindo. 

“Enarborar o bosque” iniciouse hai tres anos en Chaián cunha primeira edición sobre a protección do bosque pasando logo a Beade para protestar contra a incineradora do Irixo e continuar o pasado ano en Corcoesto amosando a oposición ás minas de ceo aberto. A iniciativa, aberta á participación cidadá,  naceu da Factoría Delideas de Delio Sánchez e do colectivo arTeu de Xacobe Meléndrez Fassbender e Inma Doval. Conta co apoio da FEG (Federación Ecoloxista Galega).