Un ensaio sobre os soberanos da Galiza Castrexa gaña o Manuel Murguía da Deputación da Coruña

Un ensaio sobre os soberanos da Galiza Castrexa gaña o Manuel Murguía da Deputación da Coruña
Xurado da XII edición do Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña [CEDIDA]
Xurado da XII edición do Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña [CEDIDA]  

O xurado destaca a rigorosidade da obra do investigador Martín Fernández Calo.


 Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa é o título da obra gañadora da XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña. O seu autor, Martín Fernández Calo (Porto do Son,1990) reivindica neste traballo a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu. O premio consiste en 6.500 euros e a publicación da obra.

"A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da Antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo. É singularmente meritoria dadas as dificultades da interpretación social do rexistro material de época castrexa", apunta a resolución do premio que destaca tamén que "a  tese dunha xefatura indíxena (asimilábel ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste en época de Xulio-Claudia, descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráficos, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas".

O xurado composto por Xurado, Miguel Anxo Seixas Seoane, Rebeca Baceiredo Pérez, Iria Veiga Ramos, e os gañadores da edición anterior Raúl Sotelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria escolleron a obra de Fernández Castro da que destacaron o seu rigor e claridade expositiva.

Martín Fernández Calo naceu en Porto do Son en 1990 e forma parte da última xeración de licenciados en Historia (USC, 2013). O seu ámbito de investigación céntrase na historia socio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, os seus antecedentes pre-históricos e o seu legado tardo-antigo e medieval.

Reivindica así a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu, digno de estudo específico, tentando asemade de superar os compartimentos cronolóxicos que adoitan encorsetar a investigación académica.

Alén de Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa, ten tamén publicado A organización político-administrativa de Galicia na Antigüidade: séculos II a.C.-VIII d.C. O pasado ano publicou Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a.C.-VIII d.C. (Blukk Edições, 2018).