ENTREVISTAMOS SABELA MANEIRO (TANXUGUEIRAS)

«Queremos facer cousas deste tempo que o día de mañá se consideren pezas tradicionais»

«Queremos facer cousas deste tempo que o día de mañá se consideren pezas tradicionais»
Tanxugueiras
Tanxugueiras  
As Tanxugueiras, após o seu revolucionario primeiro traballo, continúan esbozando a liña do trad cun novo álbum que acaba de saír do forno. Contrapunto é un disco de concepto, festeiro e visceral, atrevido e comprometido. Sermos Galiza conversa con Sabela Maneiro do proceso creativo e as inquedanzas que se atopan tras este título, que, xa dispoñíbel en plataformas dixitais, preséntase na sexta feira 29 de novembro na Sala Rebullón de Mos.

Contrapunto é unha palabra polisémica. A que se fai referencia o título do seu novo disco?

O disco ten dez pistas, que se dividen en cinco temas, cada un co seu contrapunto. Así, hai cinco cancións que son a parte boa da vida e as outros cinco, a parte mala. O noso proceso vital é de seu un contrapunto. Para gozar das cousas boas, hai que ter as malas. E para aprender as malas, hai que ter as boas. Da aí ben o nome.

Entón, os temas, en certo modo, dialogan de dous en dous?

Si, están colocados por orde nese senso. A unha vai coa dúas, que é o seu contrapunto. A tres coa catro. E así consecutivamente.

O noso proceso vital é de seu un contrapunto

O novo álbum continúa o roteiro do anterior polo trad.

O concepto de trad xa o inaugurou Xabier Díaz, con esa nomenclatura, pero nós cremos que é unha boa forma de achegarse á rapazada. Non é o mesmo dicir «fago música tradicional» que «fago trad», que se aproxima máis á nomenclatura do trap. Xogamos con iso.

Como foi o proceso creativo para artellar este disco de concepto, que xira en torno a algo tan concreto?

As pezas foron xurdindo. Nós tamén nos atopabamos nunha etapa na que tiñamos moitos contrapuntos. Tanxugueiras é un contrapunto humano de seu, porque pasamos de ter medo a facer cousas a chegar a empoderarnos. As mulleres e os homes temos unha liberdade moi grande cando nos empoderamos, pero á vez dá medo dar ese salto, porque hai críticas. Con todo isto en mente, viamos a vida como un contrapunto, chea de cousas boas e malas. Empezamos a crear pezas e pouco a pouco fómolo creando, con moitas dores de cabeza para que todo encaixase, atopando coplas en diferentes sitios que contasen esa historia. Tamén me gustaría destacar que no primeiro disco foi un produtor quen fixo a música e os arranxos, pero Contrapunto fixémolo nós. Arranxamos tanto voces como pezas novas, coa coprodución de Isaac Paladín, que gravou todo o disco e fixo os arranxos de percusión e deu o toque persoal a cada peza.

E teñen un control maior sobre o resultado.

A muller xoga un papel fundamental na música. Simplemente tes que mirar quen destaca na nosa música para decatarte de que temos unha pegada bastante grande

Temos un control total. Iamos cunha idea moi clara sobre o que é para nós a música tradicional e o que nós queremos achegar a esta sociedade, para deixar un legado do que nós mesmas esteamos orgullosas. Se o deixamos a mans dun produtor ou produtora, sempre vai estar, en último termo, á súa forma e non á nosa, non nos vai convencer de todo. Ademais nós, que estamos seguido rindo, puidemos ser tamén perfeccionistas e responsábeis co noso traballo, que unha cousa non quita a outra. Moita xente confunde ser leda e intentar darlle ese toque de humor ás cousas, mesmo ás que non o teñen, con que non poidas ser responsábel e capaz de facer certas cousas. E deixar claro que a muller xoga un papel fundamental na música. Simplemente tes que mirar quen destaca na nosa música para decatarte de que temos unha pegada bastante grande. Case todas as que estamos aí producimos, autoproducimos ou temos un contacto moi grande cos nosos proxectos. Que é algo ao que non se lle dá se cadra moita importancia, pero tense que falar diso. As mulleres somos capaces de facer calquera cousa igual ca un home ou mesmo mellor, quen sabe.

Con todo, a porcentaxe de mulleres continúa a ser moi baixa, por exemplo, nos cartaces dos festivais.

Porque as mulleres estamos como desilusionadas. En todos os proxectos temos que remar o dobre ou o triplo para acadar o éxito dun home. Xa das por feito que tocar unha guitarra ou unha batería é de homes. Temos que ir mudando ese patriarcado estúpido que se nos implantou. Pouco a pouco estanse dando pasos firmes cara adiante e o que non queremos, nin estamos dispostas, é a dar nin un medio paso para atrás. Polo menos desde as Tanxugueiras, porque cada paso que damos costa un mundo.

E como confrontan o machismo presente en moitas pezas da nosa tradición?

Existían mulleres moi empoderadas naquela época, mesmo podería dicir que máis do que estamos hoxe

Principalmente intentamos buscar esas coplas que non sexan machistas, que as hai. Existían mulleres moi empoderadas naquela época, mesmo podería dicir que máis do que estamos hoxe, atendendo ao contexto no que vivían, nunha represión absoluta en todos os aspectos. Despois, ás coplas que son machistas intentamos cambiarlles o significado, moitas veces abonda con mudar unha palabra para que representen outro tipo de sentido.

Interveñen deste xeito nas letras, mais polo xeral proveñen da música tradicional, non?

Si. Temos algunhas creacións propias, mais non imos dicir cales son porque queremos que as demais as utilicen. Entendemos que fan parte da tradición, para ir integrando outro tipo de coplas novas que teñan outras connotacións e que quedarán tamén dentro da nosa tradición.

Queremos que haxa cousas deste tempo, do 2019 ou 2020, que o día de mañá se consideren pezas tradicionais

Porque a supervivencia da música tradicional pasa por aí.

Claro, necesítase precisamente iso. O que pasou está moi ben, pero temos que seguir existindo e, polo tanto, temos que seguir creando. Como che dicía, hai pezas compostas por nós, tamén con toques tradicionais, que queremos deixar como un legado para que a tradición siga evolucionando. Que haxa cousas deste tempo, do 2019 ou 2020, que o día de mañá se consideren pezas tradicionais.

Abre o disco «Autocracia», que fala da ditadura, pero o sentido do tema semella  aplicarse ao presente.

Fala da ditadura, si, pero nós cremos que hoxe por hoxe a democracia brilla pola súa ausencia. Hai moitas cousas. como pode ser a lei Mordaza, volver á ilegalización do aborto, que as persoas homosexuais non se poidan casar... Cousas que fomos conseguindo ao longo do tempo e que desde certos movementos pretenden volver cara atrás. Nós cremos que cando se priva a liberdade das persoas tamén é autocracia. No tema, iso ten que ver co pasado, para que ningún neno esqueza que houbo unha ditadura e que podemos volver a ela en calquera momento, porque nos libros de texto inténtase enmascarar o que pasou, unha traxedia e un asasinato brutal. Se esquecemos a nosa historia, volver a repetila é moito máis doado que se temos presente o que aconteceu.

Nós cremos que cando se priva a liberdade das persoas tamén é autocracia

Por outra banda, «Irmandade» parece un canto á sororidade. Era esta a idea da peza?

«Irmandade» dedicámola a nós as tres, pero vai coa idea de que as mulleres nos temos que respectar, que temos que andar collidas da man. Non pode haber egos mal medidos, a vitoria dunha é a vitoria da outra. Tampouco pode haber competicións insás sobre quen é mellor, senón que deberiamos ir todas da man e pelexar esta guerra que temos en fronte, o feminismo. Non podemos empezar a dicir: «Eu non son feminista, eu non son machista». O feminismo, que é loitar xuntas todas polo mesmo, favorécenos ás mulleres, aos homes e ao conxunto da humanidade.

Polo momento, consideran que Contrapunto está a ter boa acollida?

Si, non pensabamos que funcionaría tan ben, pero hai moita expectativa e estamos moi contentas, sobre todo por atraer á rapazada, que é o público máis difícil de conseguir. Cóstalle moito dicir: «Escoito este tipo de música». Aínda hai ese estigma de música de vellos ou de aldea. Pero a nós cando nos din así, respondemos que vivimos na aldea e estamos moi orgullosas. Iso non é nada malo, non é un insulto chamar a alguén aldeán. Alguén da aldea é aldeán, punto. O rural tamén forma parte da Galiza e é o máis numeroso, moito máis que as cidades.

En concordancia con iso, a súa xira pasará por Mos, Celanova e Burela, antes de Compostela. Hai unha procura por descentralizar os espazos habituais de exhibición?

Iso non é nada malo, non é un insulto chamar a alguén aldeán.

Queremos chegar a todas as partes, mesmo a espazos que non son moi coñecidos, pero que son moi bonitos, cun son e unha capacidade son acústica brutal. Parece que somos «sota, cabalo, rei», que imos sempre aos mesmos lugares. Queriamos, primeiro, que se coñecesen pobos que ao mellor certa xente nunca pisaría e, ao mesmo tempo, permitirlle a toda esa xente que vive alí crear un pouco de vida cultural.