TERCEIRO VOLUME DE 'CARTAS A MURGUÍA'

Un epistolario para a construción da Galiza

Un epistolario para a construción da Galiza
Imaxe do enterro de Manuel Murguía en 1923. Foto: cedida.
Imaxe do enterro de Manuel Murguía en 1923. Foto: cedida.  

Cincocentas cartas de case 300 remitentes, recibidas entre 1886 e 1923, compoñen o terceiro volume do epistolario de Manuel Murguía. Segundo un dos seus editores, Xosé Luís Axeitos, nel percíbese “sempre un horizonte, a construción da Galiza”. Cartas a Murguía (1886-1923) publícao a Fundación Rosalía de Castro e ao seu coidado atópanse, amais do académico Axeitos, o historiador e tamén académico Xosé Ramón Barreiro.


A obra preséntase esta quinta feira, 30 de maio, ás oito do serán no Auditorio Municipal de Padrón e interveñen amais dos editores o presidente da fundación, Anxo Angueira, e o alcalde da localidade Antonio Fernández Angueira. É o terceiro libro dos catro programados e recolle as misivas que lle chegaron a partir da morte da súa dona, a poeta Rosalía de Castro. “As cartas teñen contido social, político e cultural, sobre todo, aínda que tamén carácter familiar contra o final. Entendo que forman tres bloques principais”, explica Axeitos a Sermos Galiza.

cartas murguía

A primeira desas tres unidades temáticas é a referida á formación de comités rexionalistas por toda Galiza “como paso previo a unha estrutura política”. Que foi a Asociación Rexionalista Galega, fundada en 1891 e cuxo presidente inicial foi o propio Murguía, representante da tendencia liberal.

Os Xogos Florais de Tui e o traslado dos restos de Rosalía de Castro do cemiterio de Iria Flavia a  Bonaval, en Compostela ocupan outro dos bloques. “Vese o importante que foron estes actos. Pedían axuda, colaboracións, é moi significativo. Xa estaban construíndo lugares da memoria [do galeguismo]”, engade o estudoso. O terceiro monllo de cartas está relacionado con La Patria Gallega, o boletín da Asociación Rexionalista. “Nesas comunicacións obsérvase como aqueles homes tiñan xa moi en conta a importancia de ter un medio de comunicación propio”, di.

A reedición da Historia de Galicia, emblemática obra de Manuel Murguía orixinal de 1865, ou as condolencias pola morte dos fillos Ovidio (1871-1900) e Amara (1873-1921) son obxecto da correspondencia. Como as innumerábeis peticións de traducións e reedicións dos libros de Rosalía. “Conta un proceso non de todo coñecido”, sinala Axeitos, “e si, o de Rosalía de Castro segue a ser o nome propio máis citado”.

Cartas a Murguía inclúe índices temáticos, de remitentes e cronolóxico. O cuarto tomo recollerá as enviadas pola familia. “Os epistolarios adoitan ser subsidiarios da obra dos autores e autoras. Úsana as persoas investigadoras para extraer datos para biografías e estudos”, conclúe, a xeito de resumo, Axeitos, “pero este ten autonomía de seu, é un discurso coherente e o seu horizonte é sempre a construción do país, a construción de Galiza”.