Dez encarnacións de Ernesto Chao

Dez encarnacións de Ernesto Chao
Ernseto Chao (esquerda), no 'Rei Lear'. Foto: Teatro Noroeste.
Ernseto Chao (esquerda), no 'Rei Lear'. Foto: Teatro Noroeste.  

A morte de Ernesto Chao (Ribadavia, 1943-Compostela, 2018) deixou a escena galega sen unha figura principal. Activista e entusiasta, organizador, dotado actor non unicamente cómico, presenza familiar e popular, a traxectoria de Chao atravesou territorios diversos. Velaquí dez esteos imprescindíbeis dunha vida dedicada á interpretación.
 


Celtas sen filtro (1983)
A única peza dramática escrita por Xosé Luís Méndez Ferrín non a escribiu só por Xosé Luís Méndez Ferrín. “Eu non colaborei con Artello Teatro, senón que me deslicei no interior deste grupo singular e universalmente imaxinativo”, explicou no seu día. Ernesto Chao foi un dos seis intérpretes que encarnaron unha montaxe experimental, coreografada e con música en directo, descrita por Ferrín como “unha sesión de autocrítica nacional”.

celtas sen filtro

Divinas palabras (1987)
Non foi a primeira adaptación ao cinema do brutal esperpento de Valle-Inclán. Existía polo menos outra versión mexicana, dez anos anterior. Pero nesta, dirixida polo cineasta español José Luis García Sánchez (Salamanca, 1942), comparece Chao como actor de reparto. Foi rodada en Galiza e Milladoiro asinou catro cancións da banda sonora, como acompañantes da voz da actriz protagonista: Ana Belén.

O Rei Lear (1990)
A compañía Teatro do Noroeste, dirixida por Eduardo Alonso, estivo estreitamente ligada á traxectoria teatral de Ernesto Chao. No Rei Lear confeccionaron o seu primeiro Shakespeare -logo farían Macbeth ou Noite de Reis- e un dos máis memorábeis papeis do actor ribadaviense. A montaxe sobre o monarca que divide as súas terras entre as fillas levou o premio Compostela á “mellor versión teatral” daquel ano.

O incerto señor don Hamlet (1991)
Chao traballou arreo pola institucionalización do teatro. Ate o punto de que, entre 1986 e 1987, converteuse no segundo director do Centro Dramático Galego. Catro anos despois de abandonar o posto, interpretou o Rei Halmar no Incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Cunqueiro que dirixiu para a compañía pública galega o catalán Ricard Salvat. “Cunqueiro, como Shakespeare”, escribiu Salvat, “é unha fervenza verbal desenfreada”.

Galileo Galilei (1993)
As persoas que se inciaron ao teatro na segunda metade do século XX tiñan en Bertolt Brecht un horizonte. Igual que se debían forxar en Shakespeare, consideraban obrigado enfrontarse ao gran dramaturgo alemán. Con Noroeste de novo, Chao intepretou Galileo Galilei na peza que Brecht usou para combater o irracionalismo e defender a responsabilidade social do coñecemento científico.

condenado a vivir

Pratos combinados (1995-2006)  
A comedia da TVG creada por Xosé Cermeño marcou un antes e un despois na vida profesional de Chao. O personaxe de Miro Pereira, o mellor insultador do territorio catódico, sempre a rifar co seu cuñado -intepretado por Antonio Durán, Morris-, situouse no panteón popular de Galiza. Tanto que ao propio Ernesto Chao -encargado tamén da dirección de actores da serie- lle custou desapegarse del e obter, de novo, papeis non cómicos.

Condenado a vivir (2001)
Apenas tres anos antes de que Javier Bardem abraiase coa súa (un chisco efectista) interpretación do tetrapléxico e activista a prol da eutanasia Ramón Sampedro, Ernesto Chao encarnárao nun telefime dirixido por Roberto Bodegas. Gañou o premio Chano Piñeiro -antecesor dos Mestre Mateo, outrogados pola Academia Galega do Audiovisual- ao mellor actor e era un dos traballos que el mesmo máis aprezaba da súa extensa carreira.  

unha hora na vida de stefan zweig

Aeroplanos (2008)
Lagarta, Lagarta chamouse a compañía que fundou coa súa compañeira, e directora de numerosas montaxes entre as que se atopa Aeroplanos, Rosa Álvarez. Para esta obra, en que a réplica lla daba outro grande da escena galega morto prematuramente -Xosé Manuel Olveira, Pico-, empregaron un texto do autor arxentino Carlos Gorostiza. Comedia tráxica, emotiva, tenra, conta a historia de dous amigos de infancia que enviúvan ao mesmo tempo.

Unha hora na vida de Stefan Zweig (2011)
De novo con Rosa Álvarez aos mandos para Lagarta, Lagarta e compartindo elenco con César Cambeiro e Belén Constenla, Ernesto Chao introdúcese na pel do escritor austríaco Stefan Zweig. E faino durante a tarde en que o autor de Momentos estelares da humanidade e a súa dona Lotte Altmann toman a decisión de se sucidiar. Exiliáranse en Brasil para escapar do nazismo. A peza orixinal escribiuna o dramaturgo canario Antonio Tabares.

Fariña (2018)
Un dos últimos personaxes que traballou foi o do ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor. Aquel político da Alianza Popular mantivo singulares relacións cos contrabandistas da ría de Arousa -non se sabe se cómplice ou inxenuo- e foi un dos máis rechamantes secundarios de Fariña. Na teleserie que axitou a televisión na primeira metade deste ano, Ernesto Chao bordou ese breve papel e deixou unha brillante sinatura de case medio século de oficio.

Nota: programa de Celtas sen filtro, fotograma de Condenado a vivir e foto de Unha hora na vida de Stefan Zweig.



x