Erotismo contra a "soedade rotunda"

Erotismo contra a "soedade rotunda"
Momento da entrega do Premio Illas Sisargas a Medos Romero (Concello de Malpica)
Momento da entrega do Premio Illas Sisargas a Medos Romero (Concello de Malpica)  
A poeta Medos Romero pola súa obra Peixes que esvaraban ao unísono é a gañadora da XIV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola Editorial Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica. 

A poeta Medos Romero é a gañadora da XIV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola Editorial Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica. 

Romero foi galardoada pola súa obra Peixes que esvaraban ao unísono, que toma o relevo de Mario Regueira como gañador do certame. 

Así o ditaminou, entre as 33 obras presentadas, récord do certame, un xurado composto por Tamara Andrés, o propio Mario Regueira e Leticia Varela, concelleira de Cultura do Concello de Malpica.

O veredicto do xurado foi feito público na denominada Cea das Letras, e recoñece que quixo recompensar a proposta na obra de Medos Romero "dunha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e desinhibidas da paixón”.

O "reto" do descoñecido

En declaracións a Nós Diario Medos Romero mostrouse "contenta", tanto por gañar como por saber que o fixo "no ano en que máis obras se presentaron".

Ademais, revelou que era a primeira vez que tocaba o tema do erotismo nun dos seus textos: "Teño escrito sobre a terra, sobre a muller, a paisaxe, o rural... cousas moi diferentes, incluso sobre a mina das Pontes e a explotación dos recursos naturais e a depredación que fai o capitalismo salvaxe, pero nunca sobre erotismo, así que cambiar e dar un paso adiante a unha temática tan diferente foi todo un reto para min". 

Romero tamén explica que o premio tamén supón para ela a "garantía" de poder publicar, "nun momento moi difícil para os escritores, nos que moitos traballos son rexeitados polas editoriais".