CAMBIOS EN 13 CATEGORÍAS

Un erro notarial nas votacións cambia as nomeacións aos Mestre Mateo

Un erro notarial nas votacións cambia as nomeacións aos Mestre Mateo
Imaxe da rolda de prensa de AGA con Tamara Canosa, Carlos Ares e Nani García. [Moncho Fuentes]
Imaxe da rolda de prensa de AGA con Tamara Canosa, Carlos Ares e Nani García. [Moncho Fuentes]  

A Academia Galega do Audiovisual informou de que un erro notarial no reconto de votos alterou os resultados anunciados a pasada segunda feira e que Sermos publicou o mesmo día. Hai trece candidaturas afectadas polo erro.


A Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual informou onte quinta feira de que “un erro notarial no reconto dos votos para a elección dos finalistas na décimocuarta edición dos premios Mestre Mateo alterou o resultados  anunciados o pasado luns. A xunta directiva lamenta profundamente a situación que este erro orixina e os prexuízos que os cambios supoñen para os artistas e as obras que foron sinaladas como finalistas como consecuencia deste erro”.

Aínda así, os filmes con máis nomeacións seguen a ser O Descoñecido (16 nomeacións, antes 15), Lobos Sucios (14, sen cambios), a serie de televisión Hospital Real (10, antes 11) e Serramoura (9, antes 7). 

A Academia Galega do Audiovisual solicitou do notario unha revisión do reconto dos votos emitidos e unha comprobación co reconto inicial  e cos resultados rexistrados na primeira acta notarial. O resultado das comprobación sinalou que hai trece candidaturas afectadas polo erro no primeiro reconto notarial:  Comunicador/a TV, Dirección, Guión, Interpretación feminina protagonista, Interpretación masculina de reparto, Montaxe, Música orixinal, Programa de TV, Realización, Serie TV, Vestiario, Videoclip e Anuncio publicitario. En cada unha das categorías mal recontadas, o erro afecta a un dos finalistas anunciados, excepto no caso de Anuncio publicitario, que afecta a dúas. 

Segundo a AGA, “o erro no reconto foi detectado no momento de preparar a plataforma dixital de votación para a fase final dos premios Mestre Mateo. A plataforma, que se utilizou por primeira vez como sistema único do voto nesta edición, ordena automaticamente as catro obras ou artistas máis votados en cada categoría antes de colocalas nas páxinas nas que votan os socios da Academia. No momento de preparar a segunda rolda de votación, os datos incluídos na acta notarial e os que ofrecía a plataforma dixital non coincidiron polo que se realizou un novo reconto cun resultado diferente do que rexistraba a acta notarial inicial”.

Como consecuencia do problema, ademais de informar á prensa de forma inmediata, a Xunta Directiva convocou unha asamblea extraordinaria urxente para mañá sábado (11.00 horas, Auditorio de Galicia), na que se dará conta do erro e da súa resolución e na que, ademais da directiva, dos responsables da plataforma de votación, participará o notario responsable do reconto.