“Escollas electivas” no Día da Poesía nun país de máis de 400 poetas

“Escollas electivas” no Día da Poesía nun país de máis de 400 poetas
As escollas electivas
As escollas electivas  

Máis de 400 poetas en activo teñen identificado Suso Díaz e Maripaz Paz, os promotores do proxecto “As escollas electivas” no que no que foron [email protected] 194, boa parte xa con perfil biográfico e obra. Abonda con que alguén entre na rede "escolla" a [email protected] poeta para pasar a formar parte da iniciativa. Achegámonos aos versos "elexidos" para conmemorar o Día da Poesía. 


Menos de tres millóns de habitantes e máis de 400 poetas en activo. O país non está mal dotado de poesía, segundo os datos que manexan Suso Díaz e Maripaz Paz, autores da iniciativa “As escollas electivas” que naceu no día do centenario de Celso Emilio Ferreiro, como homenaxe ao poeta de Celanova. 

A Unesco proclamou en 1999 o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía e convidou a nacións, entidades e organizacións a que se fixeran eco dunha celebración que na Galiza ten, cando menos, 400 seguidores e seguidoras que continúan mantendo o xénero como o máis visitado na creación galega. 

194 poetas de "escollas"

“As escollas electivas” é un exemplo da prolífica creatividade poética galega. Desde o 4 de xaneiro de 2012 que se activou na rede, día do centenario de Celso Emilio, conta xa con 194 poetas "[email protected]" por colegas das letras dos que, boa parte deles, teñen xa no proxecto a súa biografía, obra, referencias e enlaces na rede e tamén un ou, maiormente, varios poemas. A iniciativa ideouse na Arxentina mais o modelo reproduciuse en boa parte das culturas do mundo. O procedemento é sinxelo, cada poeta que se incorpora a “As escollas electivas” cita os nomes doutros que serán convidados a participar enviando o material para compoñer a súa ficha. 

“A un poeta que resulta citado por outros solicitámoslle que envíe unha biografía, unha imaxe e algúns poemas e que cite outros poetas para seren convidados", di Suso Díaz

Os dous primeiros autores que formaron parte de “As escollas electivas” foron convidados polos propios promotores, Suso Díaz e Maripaz Paz e tiñan unha estreita vinculación coa Celanova de Celso Emilio. Baldo Ramos e Xoán Carlos Domínguez Alberte iniciaron unha listaxe na que, aos poucos, se foron engadindo nomes, por afinidades literarias de quen xa estaba dentro. En cada unha das fichas aparecen quen nomeou e a quen nomeou o autor protagonista. Para poñer un caso concreto, Baldo Ramos aparece nomeado pola Escollas Electivas, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Alberto Lema e Carlos Negro e el decidiu nomear a Manuel Vilanova, Manuel Álvarez Torneiro, Pilar Pallarés e Olga Novo que serían convidadas pola organización a participar no proxecto. 

Os nomes de poetas máis citados son os de Olga Novo, Pilar Pallarés, Gonzalo Hermo, Ana Romaní, Xosé Luís Méndez Ferrín e María Lado. 

Marca de identidade

“A un poeta que resulta citado por outros solicitámoslle que envíe unha biografía, unha imaxe e algúns poemas e que cite outros poetas para seren convidados. Eses son os criterios básicos. Logo tamén nos agrada que falen da súa visión da poesía. A idea era que medrara o máximo posíbel porque na Galiza a poesía é marca de identidade”, di Suso Díaz, que tamén escribe poesía mais, curiosamente, aínda non forma parte das “escollas”. Tanto el como Maripaz Paz traballan na función pública mais gozan dedicando o seu tempo libre a espallar a poesía. 

En “As escollas electivas” hai, segundo o seu promotor “poetas moi coñecidos e outros non tanto, algúns non teñen obra publicada como Luís Antón, que é a entrada máis recente, un personaxe moi importante e moi descoñecida”, explica ao tempo que defende as posibilidades da rede para difundir a creación literaria. O seu obxectivo é que os 400 poetas que teñen localizado, con obra publicada en libro individual ou colectivo, en papel ou na rede, entren a formar parte de “As Escollas Electivas”, unha xa ampla antoloxía para ler e coñecer a poesía galega viva. 



x