A escritora que dá aulas de galego nas redes sociais

A escritora que dá aulas de galego nas redes sociais
Foto de facebook de Helena Villar
Foto de facebook de Helena Villar  

O seu é un dos nomes coñecidos da literatura galega. Unha ampla e valorada obra e unha traxectoria longa como profesora fan que o de Helena Villar Janeiro forme parte xa da nosa historia literaria. A escritora sorpréndenos agora impartindo aulas de galego en facebook


Non son consellos ou indicacións. Son aulas en soporte dixital preparadas para as condicións especiais das redes sociais. O curso comezou hai pouco, cando a polémica do “polbo” chegou a Academia. Despois de asistir ao balbordo producido, Helena Villar considerou que aí non estaba o problema e decidiu contribuír a promover a calidade da lingua desde a súa casa na aldea, apegada ao ordenador e cun público cada día maior que asiste á grande actividade da escritora na rede. 

“Pensei que a grande preocupación que teñen os falantes é o vocabulario que, ao fin e ao cabo, é o menos interesante porque se resolve co dicionario. Pola contra, non vexo que se lle dea relevancia á desfeita cos pronomes, poño por caso, ou á fonética”, comeza a explicar Helena Villar do momento inicial no que regresou ao seu oficio comezando precisamente polo que máis lle preocupaba: os pronomes. 

Villar Janeiro é tamén pedagoga e iso percíbese na calidade dos apuntamentos e nos exercizos prácticos que propón. Mesmo hai xa algúns ensinantes que queren empregar a metodoloxía de Helena traspasada ás aulas. “Cómpre secuenciar, coñecer o soporte e traballar os materiais. Estou a facer un grande esforzo coa programación. Agora vou facer exercizos, case como se ensinara unha lingua estranxeira porque a xente ten que tomar conciencia da necesidade de traballar tamén a nosa lingua. Non todo vale”, defende Helena Villar, magoada cos “despropósitos” que le e escoita cada día. 

Alumnado que pregunta

Sorpréndelle agora a repercusión que as súas aulas dixitais están a ter no facebook. Comezou dirixíndose a tres ou catro persoas e cada vez son máis as que se unen á escola de lingua de Helena Villar. Comentan, dan indicacións, preguntan dúbidas e propoñen temas. Eis as posibilidades das redes sociais, espazo que a escritora manexa con destreza e no que leva tempo xa ofrecendo os seus artigos, as súas receitas, consellos literarios, opinións e tamén a morea de fotografías artísticas que esta muller de moitas facianas creativas comezou a facer públicas hai pouco tempo. 

“Non vale estar colocando mal os pronomes toda a vida. Iso non pasaría con ningunha outra lingua. Quero contribuír a crear conciencia de que podemos mellorar o uso do galego”, insiste Helena Villar que comezará en breve a traballar cos paradigmas, dando modelos para a construción correcta das frases. 

“Vexo o interese que tedes, as ganas de saber, o ben que interactuades e isto vaise convertendo nunha aula. Benzóns e mañá seguimos”, escribe nun dos posts nos que se dirixe ao seu alumnado. Noutro remata: “Isto debera quedar hoxe bastante claro para avanzar mañá outro pouco”. A profesora de lingua nas redes sociais amplía a cada pouco a súa aula, ofrece apuntamentos e exercizos e corrixe probas. Da outra beira, unha morea de internautas gozan por se converter en alumnado da escritora Helena Villar.

(A imaxe corresponde á da portada da páxina de facebook de Helena Villar Janeiro)