A escritora Marica Campo, Premio Ramón Piñeiro “Facer País”

A escritora Marica Campo, Premio Ramón Piñeiro “Facer País”
Marica Campo
Marica Campo  

Pola súa traxectoria e, en especial, polo seu labor na defensa da lingua e a literatura galega o xurado escolleu á escritora Marica Campo como gañadora da XIII edición do Premio Ramón Piñeiro “Facer País”. 


O xurado do Premio Ramón Piñeiro “Facer País” composto por representantes de once colectivos culturais, decidiu outorgar a décimo terceira edición do galardón á escritora Marica Campo pola súa obra e o seu traballo na defensa da lingua, a literatura e a cultura do país. O seu nome foi o escollido entre as 29 candidaturas que foron propostas na presente edición. 

Destácase de Campo o seu contributo á “dignificación e consolidación do galego como lingua vehicular", de maneira especial tamén como ensinante en distintos centros así como o seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres. 

A escritora recibirá o premio nun acto que terá lugar na localidade de Láncara no mes de outubro. Marica Campo sucede no premio convocado pola Asociación Cultural Val de Láncara á Mesa pola Normalización Lingüística. Para a escritora o premio supón o "recoñecemento de asociacións que traballan a pé de obra para espallar e producir cultura". 

O xurado destaca tamén na acta de concesión do galardón que “a actitude comprometida de Marica Campo e a súa obra contribúen a enriquecer a lingua e a literatura galegas como expresión dos mellores valores do pobo galego”. 

Marica Campo foi recoñecida tamén en 2013 co premio Escritora na súa Terra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Natural de O Incio, a escritora é autora dunha ampla obra en poesía, narrativa, ensaio ou teatro cunha manchea de títulos entre os que se atopan Tras as portas do rostro, Confusión e morte de María Balteira, Pedinche a luz prestada, Memoria para Xoana ou Abracadabras.