Escritores, editores e librarías únense para crear premios conxuntos do libro galego

Escritores, editores e librarías únense para crear premios conxuntos do libro galego
Presentación da Gala
Presentación da Gala  

Acordo histórico no sector do libro: a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia veñen de convocar a Gala do Libro Galego 2016, onde conflúen todos premios até o momento convocados por separado. 


Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da AGE e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido é Gala do Libro Galego.

Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes catorce categorías: ensaio, narrativa, infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal, premio honorífico á libraría e á editora.