Espazo Caritel, un xardín de arte

Espazo Caritel, un xardín de arte
.
.  

Daniel Río “Caxigueiro”, un dos máis recoñecidos artistas plásticos galegos, ven de poñer en marcha un dos seus últimos proxectos, isto é o “Espazo Caritel”, un punto de encontro para a arte e a natureza situado á beira da vella Catedral románica de San Martiño de Mondoñedo no Concello de Foz.


O “Espazo Caritel” está formado por unha sala de exposicións que no seu baixo alberga o taller do propio artista, un edificio deseñado polo arquitecto Xosé Moscoso que busca a modernidade e o respecto polo contorno, e un xardín de máis de tres mil metros cadrados que acolle especies das máis diversas.

A obra plástica de Caxigueiro, que xa percorreu a práctica totalidade de Galiza así como diversos puntos da Península e de Europa, ten o seu lugar na sala de exposicións que actualmente acolle unha mostra sobre a violencia da guerra así como outra montaxe feita en colaboración co poeta Baldo Ramos e que xa fora exposta na Cidade da Cultura. Un e outro traballo sitúase na nova linguaxe artística do de Mondoñedo que entende a súa obra como un xeito de achegarse ao mundo desde a periferia cun sentido crítico que permita un diálogo público/obra para a transformación do mesmo.

O xardín, traballo que comezou fai preto de 25 anos coa intención de regalarlle un pequeno bosque á filla que acababa de nacer, acolle vexetación da máis diversa e tamén da máis diferente procedencia.

Alí atopamos árbores e arbustos chegados de Chile, Xapón, Corea, Uruguai ou Arxentina xunto á vexetación autóctona. No xardín podemos ver desde o “gingko bihkola”, a arbore máis antiga do mundo, a unha ampla variedade de folgueiras, entre as que destaca unha chegada de Cedeira e que é a única do mundo que se reproduce por esporas. Aínda así a grande xoia deste xardín é unha colección de máis de cen camelias de diferentes especies.

O “Espazo Caritel” posibilita un novo xeito de achegarse á arte, un punto para a fusión entre este e natureza que tamén é un chamado para unha nova relación das persoas coa mesma. Pero hai máis, porque este espazo situado nun lugar privilexiado, ao pé da vella catedral que mandou edificar San Rosendo e que garda no seu interior os frescos máis antigos e interesantes do románico galego, aspira a ser un centro cultural que impulse iniciativas neste ámbito pero que posibilite tamén unha comunicación máis intensa sobre as diversas experiencias dos creadores de Galiza.



x