COMPETIRÁN 16 FILMES

Sete estreas na sección oficial da mostra de cinema do Museo do Pobo Galego

Sete estreas na sección oficial da mostra de cinema do Museo do Pobo Galego
Fotograma do filme 'Puta Mina', do colectivo Puta Mina. Imaxe: MICE.
Fotograma do filme 'Puta Mina', do colectivo Puta Mina. Imaxe: MICE.  

Sete filmes dos 16 que conforman a sección oficial da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego serán estreas en Galiza. E catro deles, de produción galega. A 14ª edición do certame celebrarase do 25 ao 31 de marzo en Santiago de Compostela.
 


Etnografía e antropoloxía visual son os dous eixos da MICE, cuxa programación componse de obras realizadas nos dous últimos anos. Algunhas delas pasaron por prestixiosos festivais, como a Berlinale, o Visions du Réel ou Locarno.

As pezas que optarán á Mellor Película Etnográfica -galardón principal da MICE- e que se verán en Galiza por primeira vez son as brasileiras Boca de Fogo, de Luciano Pérez Fernández, e Curupira, bicho do mato, de Félix Blume; a francesa Là est la maison, de Lo Thivolle; as españolas Mot de passe: Fajara, de Patricia Sánchez Mota e Severine Sajous, Puta Mina, do colectivo Puta Mina, e Neetu, de Carlos Caro; e a italiana Nimble Fingers, de Parsifal Reparato.

Ademais da Mellor Película Etnográfica haberá tamén distincións á Mellor Película Galega, o Premio do Público e o Premio Agantro. Na Galega compiten catro obras: Entroido en Face de Hóspedes -sobre o entroido na Raia-, de David Castro; Hora silenciosa -sobre a vida no convento compostelán de San Paio de Antealtares-, de Noelia Mª Muíño; Tecido resistente -sobre as traballadoras dunha fábrica en Vilasantar-, de Marina Chiavegatto; e Stockroom -sobre o traballo diario nun almacén-, de Sol Mussa.

As seccións paralelas da MICE, Impropias e Trazas, céntranse nas fronteiras e na etnografía musical, respectivamente.

Do xurado da mostra fan parte a profesora e produtora Beli Martínez, o antropólogo e director do Museo Etnográfico de Castela e León Pepe Calvo, o antropólogo Joan Roura, a investigadora e docente da universidade portuguesa da Beira Interior Ana Catarina Pereira, e o profesor da Universidade de Compostela José María Folgar.

Filmes da sección oficial da 14ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

- Boca de Fogo, de Luciano Pérez Fernández (Brasil, 2017)
- Curupira, bicho do mato, de Felix Blume (Brasil - México - Francia, 2018)
- Entre lobos, de Camus Adrien (Chile - Francia, 2018)
- Entroido en Face de Hóspedes, de David Castro (Galiza, 2018)
- Familienleben, de Rosa Hannah Ziegler (Alemaña, 2018)
- Hora silenciosa, de Noelia María Muíño González (Galiza, 2018)
- Isabel, la criolla, de Marcel Czombos (Arxentina, 2018)
- Là est la maison, de Lo Thivolle (Francia, 2017)
- Los que desean, de Elena López Riera (Suíza, 2018)
- Marias da Sé, de Filipe Martins (Portugal, 2018)
- Mot de passe: Fajara de Patricia Sánchez Mota e Severine Sajous (España, 2017)
- Neetu, de Carlos Caro (España – India, 2017)
- Nimble Fingers, de Parsifal Reparato (Italia – Vietnam, 2017)
- Puta mina, do colectivo Puta Mina (Laura Alonso, Raquel Balbuena, Chus Domínguez, Mari Fernández, Áurea González, Belén Sola, Cristina Turrado, Conchi Unanue e Mercedes Ordás) (España, 2018)
- Stockroom, de Sol Mussa (Galiza, 2018)
- Tecido resistente, de Marina Chiavegatto (Galiza, 2018)



x