Estréase a primeira ópera bufa galega

Estréase a primeira ópera bufa galega
Teatro Colón
Teatro Colón  
O Loro de Carlos V chega 5 e 6 de decembro ao Teatro Colón da Coruña oferecendo un espectáculo para todos os públicos que asinan Nani García e María Inés Cuadrado.

O Loro de Carlos V vaise converter na primeira ópera bufa da Galiza, un xénero que se caracteriza pola temática cómica. Estréase 5 e 6 de decembro no Teatro Colón da Coruña.

A obra está baseada nunha idea orixinal do compositor Nani García, cuxo libreto asina con María Inés Cuadrado. Conta, ademais, coa participación de Miguelanxo Prado como deseñador de personaxes e escenografía.

O espectáculo, para todos os públicos, é unha coprodución de Favola in Mvsica co Teatro Colón da Coruña e o Centro Dramático Galego. A Orquestra Sinfónica da Galiza, con Diego García Rodríguez na dirección, estará ao cargo da parte musical, xunto coas voces de Borja Quiza, Francisco Corujo e Helena Abad.

A obra ten unha intención lúdica con espírito cómico, mais baixo a lixeireza superficial funcionan sofisticados mecanismos que moven a ilusión e tenrura do público.