CHEIKH FAYÉ, AUTOR DE 'SER MODOU MODOU'

“Eu creo na cultura como ferramenta para terminar coas tensións no mundo”

“Eu creo na cultura como ferramenta para terminar coas tensións no mundo”
Cheikh Fayé amosa o seu libro
Cheikh Fayé amosa o seu libro  

Cheikh Fayé (Gade Escale, Senegal, 1962) era mestre en Dakar antes de emigrar feitos os corenta. Entrou en Europa como turista, logo foi ilegal e desde hai un tempo espera a nacionalidade. É unha desas persoas as que o Estado define “en situación de exclusión social”. E desde aí escribe. Primeiro un blogue, agora un libro: Ser Modou Modou, editado pola ASPG. Modou Modou é o nome xenérico co que se coñece a un inmigrante africano a este lado do Mediterráneo. A terza feira día 11, Cheikh Fayé, colaborador de Sermos, presenta o libro na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña.


-Que esforzo require publicar un bloge e despois un libro desde unha situación, como a súa, de precariedade?

-Non sei que esforzo necesitarán outros, eu precisei axuda, entre outras razóns porque non podo permitirme nin ter un computador nin unha conexión a Internet. Todo foi a raíz da miña exclusión da lista electoral do BNG da Coruña nas municipais de 2015. Eu coñecera Xosé Manuel Carril unha tarde que nos citamos con el varios inmigrantes senegaleses. Daquela tiñamos problemas coa Policía Local, e Carril, que era concelleiro, fixo de intermediario e facilitounos as cousas. Pensei que había que comprometerse como parte da nosa integración. Pero a Xunta Electoral dixo que eu non podía ser candidato, e tampouco Djiby Fall, outro senegalés, porque non tiñamos a nacionalidade.

-Xa a conseguiu?

-Non. Levo catorce anos vivindo aquí. En setembro de 2015 puiden por fin solicitala. Estou esperando desde entón. 

-A que se dedica?

-Vivo da venda ambulante como moitos dos senegaleses desde a crise. Meu último contrato de traballo foi en 2010. Dun mes. Antes traballara na ferralla, pero a empresa fixo un ERE. Xa non se escoita falar diso, non? A min hoxe paréceme que foi unha manipulación das leis para roubar aos traballadores. Case todos os que pasaron por unha cousa desas ficaron despedidos.

-Cando escribe?

-Pola noite, na casa. Se non teño que saír cedo pola mañá, quedo esperto até tarde, collo un bolígrafo e un caderno e reflexiono. Quería contar cousas sobre nós, os emigrantes. Ao principio foron saíndo cuestións máis políticas, pero despois xa empecei a falar de cousas da vida cotiá. Un lector do blogue, un próximo, tivo a idea de que aquilo podía servir de base para un libro e facilitou o contacto coa editora. 

-O libro fala de cuestións sociais e económicas, pero tamén da familia e dos sentimentos. Como se se fose abrindo pouco a pouco…

-Pois pasou que fun collendo confianza. O blogue ten algún lector que anota comentarios, despois chamáronme para dar unha charla nun clube de lectura nas Pontes, logo nun colexio, e logo entrevistáronme un par de veces en emisoras de radio. Para calquera é máis fácil opinar sobre os problemas sociais que contar intimidades. Eu son lector diario de prensa, é parte do esforzo que fago por integrarme para intentar comprender o que pasa neste país e no mundo.  

-O libro está cheo de referencias a heroes da cultura e da historia de Senegal, coetáneos, pero o máis citado é Léopold Sédar Senghor. Quen é para vostede Senghor?

-Sobre todo foi un gran humanista. E o pai da patria senegalesa. Foi quen de superar as divisións étnicas e relixiosas e ser o presidente de todas e todos nós. Era un católico que gobernou un estado con máis de 90% de poboación musulmá. El trouxo a paz ao país. Só hai unha figura equiparábel nesta época, Cheikh Anta Diop, un intelectual de múltiples dimensións. Os sesenta e os setenta do século pasado eran os tempos do panafricanismo. Eles dous estaban na vangarda daquela visión. Nasser tiña unha visión parecida, pero desde a África branca, un panarabismo. Se falamos de heroes do panafricanismo, a liña continúa con Thomas Sankara. Foi asasinado. Hoxe queda pouco do legado de Senghor, Diop ou Sankara.

-Pero foi Senghor quen deixou a porta aberta ao que chamou diálogo entre culturas.

-Nalgún momento do libro explico o seguinte: Sedar Senghor buscaba o recoñecemento por parte do antigo amo, Diop buscaba o recoñecemento por parte do outro. En calquera caso, digo que ambos querían chegar ao mesmo punto: reclamábanse iguais e reclamaban a fraternidade dos homes. Os dous estudaron en Francia e casaron con francesas e tiveron fillos franceses. Eles experimentaron ese diálogo. Pero aquel foi un diálogo de elites. Por abaixo non o hai. Seguramente eles soñaron con velo.   

-Ti ves por aquí algún achegamento nese sentido?

-Nunha charla que dei nun colexio de Monte Alto sorprendeume que nenas e nenos de tan curta idade tivesen viaxado polo mundo. Iso é enriquecedor. Coñecernos. Iso nos achega, pero inda non é diálogo. Eu creo na cultura como ferramenta para terminar coas tensións no mundo, e máis nesta situación de crise económica. Dese diálogo deberían estar tratando os parlamentos, e non de cuestións de seguridade e peches de fronteira.

-Cara onde debería conducir ese diálogo?

-Cara unha civilización verdadeiramente do universal, como dicía Senghor. Paz, concordia e boa convivencia. Pero o capitalismo non podería resistir algo así, claro. No fondo, debaixo de todas as cuestións sociais e culturais están as relacións económicas. 

-Tamén na cuestión do conflito lingüístico, no que parece que hai paralelismos entre o wolof e o galego? 

-O wolof é a lingua popular diante do francés da administración. Cada unha delas fica en ámbitos diferentes. O wolof fálase na familia, pero non ten escrita. Hai outro conflito, que é o do wolof que se impón a outras linguas étnicas minoritarias. Senghor non chegou a poñer en dúbida o francés como lingua da administración, pero quixo ter unha lingua nacional, mais non foi quen de convencer as diferentes etnias e deixou que as súas linguas competisen entre si. No caso da Galiza, o que me parece é que nas familias hai esta ruptura da transmisión que tanto preocupa, e pese a que o galego ten unha ampla produción como lingua de cultura non se está a promover a cultura en galego. Visto desde o wolof, xa nos gustaría ter algunha das fortalezas que ten o galego. Supoño que ao revés pasa o mesmo.

-Máis a súa lingua de integración no país non foi a lingua do país. 

-É curioso. Os compañeiros no traballo ou os clientes nas feiras, o habitual é que o primeiro que che falen sexa en galego. A Administración non, e os cursos de integración son en castelán. 

-Faloulle xa a Matou, a súa muller, á que lle dedica un fermoso poema, que se publicara por fin o libro?

-Na casa saben que se acaba de publicar. Pero inda non o recibiron. A única resposta que recibín de alá foi a dun amigo, Mamadou, que soubo da publicación a través do facebook duns amigos, que me di: “non entendo nada do que dis, pero seguro que está ben o que dis”. 

-Gustaríalle seguir escribindo e publicando?

-Gustaríame gañar cada mes algún diñeiro para enviar á familia. Alá hai quince persoas que esperan por eses cartos. Pasa en cada familia. O outro día lin que nós somos o estado do benestar daquelas persoas. É iso.

-Segue tendo intacta esa coraxe da que lle fala a seus fillos nun dos textos?

-Fai falta coraxe, si; e tamén mounge, paciencia. Isto escribino no blogue pero non deu tempo a metelo no libro: “Vexo a miña familia unha vez ao ano se teño un bon ano, viaxo polas feiras e durmo sobre cartóns faga frío ou calor. Aprendín a ser paciente desde que saín da aldea para estudar. Meus pais non sempre podían mandar cartos e ás veces fun ao instituto sen comer. Cada ano que pasa teño máis paciencia (mounge). Teño a conciencia máis clara do que pasa, de cada situación da vida. A paciencia non é sentar a esperar”.



x