CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Eu Tonya

Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

EU, TONYA

I, Tonya

(EUA 2017, 120 min.) 

Dirección: Craig Gillespie

Guión: Steven Rogers

Fotografía: Nicolas Karakatsanis

Música: Peter Nashel

Elenco: Margot Robbie, Sebastian Stan, Allison Janney, Paul Walter Hauser, Julianne Nicholson, Bobby Cannavale, Bojana Novakovic, Caitlin Carver

 

SINOPSE

Narra a historia deportiva e persoal de Tonya Harding, a primeira patinadora sobre xeo estadounidense, e a segunda do mundo, en completar un triplo salto en competición. 

 

CRÍTICA

Non sei por que os biopics deportivos xeran, a priori, unha preguiza inmensa antes, durante, e despois de poñerse ao lío, mais hai veces que logran rachar con todos os convencionalismos e nos fan calar a boca dos prexuízos. Eu, Tonya é un destes casos. Unha das sorpresas da tempada.

 

A cousa vai do ascenso e caída dunha patinadora sobre xeo estadounidense que resulta que foi a primeira do seu país en conseguir facer un triplo axel nunha competición oficial mais logo caeu en desgraza por non cumprir cos elitistas parámetros do deporte, entre outras causas... Como dicía, se non es das persoas que lles apaixona o patinaxe sobre xeo, a preguiza é máxima. Pero unha vez comeza o filme decatámonos de que a cousa non é unha mera consecución de sucesos históricos e de superación dunha patinadora ianqui senón unha historia de perdedores na liña de Eddie o Aguia (2016, Dexter Fletcher) pero moito máis áceda que aquela e cun nonseiqué aditivo e paveiro que nos mantén pegados á butaca desde o principio.

 

Comeza coas personaxes falando a cámara a modo de entrevista para narrar os feitos acontecidos. Logo virá o pertinente flash-back que nos introduce na historia, pero sen deixar nunca de lado as simpáticas entrevistas a cámara aderezadas con intermitentes roturas da cuarta parede que aportan unha orixinal mestura de teatralidade e realismo. Este flash-back retrotráenos aos difíciles comezos na patinaxe artística de Tonya Harding, cando apenas tiña 4 anos, inicios impulsados pola súa odiosa, exixente e impasíbel nai. Un rol interpretado por unha descomunal Allison Janney que lle valeu o Oscar a Mellor actriz de reparto após gañar o BAFTA e o Globo de Ouro na mesma categoría. A partir de aquí Craig Gillespie carga as tintas da ironía máis fina e regálanos unha xenial peza chea de humor negro, crítica social e mala uva que logra poñer o foco sobre o espírito de superación, o poder mediático e a violencia de xénero.

 

Margot Robbie (O lobo de Wall Street), que foi nomeada tamén aos Oscar, mais na categoría de Mellor actriz, métese na pel dunha moza de familia humilde que quere chegar ao máis alto da patinaxe sobre xeo. Non só terá que aturar as vexacións e maltrato da súa nai e, logo do seu mozo, senón tamén superar os prexuízos intrínsecos dun mundiño que semella reservado só para nenas bonitas e cun determinado estatus socio-económico ao que Tonya non pertence nin pertencerá endexamais, por moito que o intente...

 

É ben destacar o ton cínico, a montaxe (tamén nomeada aos Oscar), os efectos especiais (para facernos crer que é Margot Robbie a que patina), e unha recua de personaxes secundarias a cada cal mellor. En especial sobresae Sebastian Stan (Capitán América: Soldado de Inverno), que fai do inestábel mozo de Tonya, e o hilarante mellor amigo deste, interpretado polo comediante e actor televisivo Paul Walter Hauser, nun rol tan brutalmente cómico que logra que se nos salten as lágrimas por momentos. Come con patacas cada secuencia na que aparece. 

 

Eu Tonya remata o conto como todo biopic, coas imaxes reais de arquivo para que comparemos co que acabamos de ver. Lonxe de ser pura selección rutineira, descubrimos cousa aínda máis hilarantes que, loxicamente, non podo desvelar para non chafar a sorpresa porque xa sabedes: “a cantidade de spoilers é inversamente proporcional á calidade do filme”.

 



x