ROSARIO MARTÍNEZ, BIÓGRAFA DA COMPOSITORA

"Eugenia Osterberger ten moita importancia para a historia da música galega"

"Eugenia Osterberger ten moita importancia para a historia da música galega"
Eugenia Osterberger
Eugenia Osterberger  

Ouvirmos vén de publicar unha nova alfaia para o noso patrimonio musical: un libro-CD que pretende rescatar a figura e a música de Eugenia Osterberger, unha compositora galega da Belle Époque. Falamos coa súa descubridora, a investigadora Rosario Martínez


- Coma sempre Ouvirmos descúbrenos temas interesantes que non coñeciamos, ou polo menos, eu non. Quen era Eugenia Osterberger (Santiago 1852- Niza 1932)?
- Eugenia Osterberger era unha rapaza que naceu en Santiago no ano 1852, polo tanto é contemporánea de Emilia Pardo Bazán. Pasou desapercibida eu penso que polo apelido, porque os estudosos da música galega non pensaron que fora galega, senón que era unha estranxeira que vivira algunha vez en Galiza. Tiñan unha referencia lonxana, pero non tiñan realmente datos. E buscando datos dela, con ocasión de que na súa casa se celebrou unha festa na honra de Sofía Casanova, porque a nomearan membro de honra da Liga Galega, descubrimos a existencia de Eugenia Osterberger, logo puxémonos a investigar, démonos conta de que era unha compositora galega, filla de coruñesa que naceu en Santiago. E, claro, ten ese apelido porque o pai era de Alsacia. 

Eugenia-Osterberger-Ouvirmos-CD

- Como foi a súa vida? Porque ela morreu en Niza. 
- Ela naceu en Santiago e como os pais tiñan un concepto moi elevado da cultura déronlle unha boa educación. Destacou en seguida como unha nena que tiña facultades para a música e cando tiña 9 anos mercáronlle un piano. Entón a partir de aí non só empezaron a darlle cultura xeral, senón que a levaron a Francia para ampliar estudos. Nós pensamos que con vistas a que se puidese gañar a vida como institutriz ou como profesora de piano e de francés. E despois de vir de estudar de alá, os xornais de Santiago anuncian que ela abre na súa casa unha academia para estudar francés. Pero sabemos que ela segue estudando música e que dá clases de música. Cando estaba exercendo como profesora de francés e de piano casou cun viúvo que era o director da fábrica do gas de Santiago. E, como a el o destinaron á Coruña, viviron alí bastanes anos. Por iso compuxo na Coruña e logo, a partir de 1900 marcharon a Niza, onde morreu. 

Pasou desapercibida eu penso que polo apelido, porque os estudosos da música galega non pensaron que fora galega, senón que era unha estranxeira que vivira algunha vez en Galiza

- E como chegastes a atopar estas composicións?
- Unha vez que centramos o personaxe e nos demos conta de que valía moito a pena, empezamos a buscar nos arquivos. O fondo Canuto Berea, dunha tenda da Coruña que vendía pianos, dentro do arquivo da Deputación, foinos moi útil para atopar moitas cousas da súa vida musical. E ao final acabamos atopando en Francia a parte que nos faltaba. 

- Quen as interpreta no disco?
- Susana de Lorenzo, soprano, e Beatriz López-Suevos, pianista, que tamén fixo comigo a investigación, ela levou o estudo das partituras e da parte musical, e eu encargueime da parte biográfica e da ambientación, e de poñela en relación coa época. Ela estivo moi na onda da inquedanza rexionalista e cultural de Emilia Pardo Bazán. 

- Que relación tivo coa intelectualidade da época? Porque tamén foi correspondente da RAG.
- Si, foi, porque ademais cando se fundou a RAG, houbo algunhas mulleres que estaban no grupo dos fundadores que foron nomeadas membros correspondentes. Unha delas foi Eugenia, outra foi Sofía Casanova, naturalmente Emilia Pardo Bazán e a muller de Torres Quevedo. Ela pertence ás primeiras mulleres que formaron parte da Academia como membros correspondentes. 

 Ela estivo moi na onda da inquedanza rexionalista e cultural de Emilia Pardo Bazán

- Por que cres que era tan pouco coñecida até agora?
- Creo que polo apelido, e por estar casada cun francés que se apelidaba Saunier ninguén pensou que fora galega. Penso que foi tan casual como iso. E como pertencía á alta burguesía galega, e naquela época as mulleres se facían calquera actividade comercial, se compoñían ou escribían e o explotaban de forma mercantil estaban mal vistas. Entón, por decoro, elas realmente onde amosaban as súas obras, era nos salóns privados, ás súas amizades ou en veladas de tipo caritativo. Ela participou na Coruña en varias veladas con fins benéficos. E, despois estaba claro que na súa casa tiña tertulias intelectuais e artísticas onde se cantaba e se tocaba o piano, onde se comentaban os novos libros…. e non estaba só metida na RAG, senón no grupo dos cónsules estranxeiros destinados na Coruña. Tiña unha actividade moi universal, digamos, non era unha muller só pegada á terra. Pero desde a súa terra entendía o mundo. E tamén intentaba que esa terra trascendera ao resto do mundo. E por iso, seguindo a moda que naquel tempo había en Alemaña e Francia, de potenciar o popular, o que fixo foi composicións con letras de temas populares pero composicións cultas, como fixeron os alemáns cos ‘lied’, ou como se fixo coa canción francesa, que foi o seu modelo. A nós parécenos que como compositora estaba completamente ao día do que se facía en Europa. Tocou todos os paos. Non estaba illada do resto do mundo e puxo Galiza á altura de Europa. 

Montes ou Chané podían vivir do seu oficio, e era mesmo honorable que fixera tal. Pero como ía facer iso unha muller? 

- A súa intención era darlle forma académica á música popular, non?
- Si, claro, iso era o que se facía nese momento no romantismo en Europa, e ela aquí fixo o mesmo. Nese sentido, ten moita importancia para a historia da música galega. A quen lle damos o mérito? A Chané, a Juan Montes, a todos os da época que estaban facendo isto. Pero que muller o facía? Ela, e por iso non a coñecemos. O de sempre. Pero Montes ou Chané podían vivir do seu oficio, e era mesmo honorable que fixera tal. Pero como ía facer iso unha muller? E menos unha muller cunha certa distinción social. Era un mundo de homes, esas cousas as mulleres non as podían facer porque avergoñarían a familia. Date conta de que a Pardo Bazán puido escribir e publicar porque era condesa e podía facer o que lle daba a gana. E Rosalía de Castro puido porque tiña un home que tamén se dedicaba a iso, e mesmo a potenciou. Sabe deus tamén o que lle chatou, o que lle corrixiu, o que lle engadiu… Pero aí está. Pero se Rosalía fose muller de calquera comerciante simplemente recitaría os seus poemas no seu salón privado. 

- Estamos a falar dun achado importante?
- É un achado importante. Calquera muller, galega ou de fóra, que no XIX que tivera intelixencia, inspiración e un mínimo apoio para poder facer arte, era unha heroína, porque, por dicilo dalgún xeito, non estaba deseñada para ser así. Tiña que dedicarse ao home e aos fillos, para de contar. Dedicarse a outras cousas é unha excepción. E se, por riba, o facían ben… Para nós foi impresionante podela estudar, ir dándonos conta pouco a pouco do que valía, porque podía ser unha muller cunhas obras moi mediocres. E foinos sorprendendo pouco a pouco todo o que iamos atopando. Realmente foi marabilloso. 

- A súa obra está á altura de Montes e de Chané?
- Naturalmente que si. E, por riba, e ademais ela fixo música doutros estilos máis europeos que eles non fixeron. 



x