Evaristo de Sela ou Homero en galego, vinte anos após a súa morte

Evaristo de Sela ou Homero en galego, vinte anos após a súa morte
Evaristo de Sela
Evaristo de Sela  

Cúmprense este 28 de xuño vinte anos da morte do poeta, profesor e tradutor Evaristo González, máis coñecido por Evaristo de Sela. Figura fundamental no mundo da tradución, a obra de Homero chega á nosa lingua da súa man. 


Evaristo González Fernández, con 19 anos, desertou do Rexemento de Artillería Lixeira nº 15 de Pontevedra nos comezos mesmos do golpe de estado do 36. Rexeitando a barbarie fascista, é condeado por deserción a cadea perpetua vítima da represión. Sofre, logo,  unha “odisea” de cárceres e centros disciplinarios ata lle ser conmutada en 1941 a pena por unha “liberdade provisional” nun tempo de terror e morte deseñado e executado polo novo réxime franquista.

"Nos anos de prisión dedícase heroicamente a estudar, escribir, aprender. En circunstancias tan duras toma os primeiros contactos con varios idiomas, entre eles, o grego".

Evaristo de Sela, así coñecido por ter nacido no 1917 nesa parroquia de Arbo, viuse loxicamente condicionado pola ditadura, mais neses anos de prisión dedícase heroicamente a estudar, escribir, aprender. En circunstancias tan duras toma os primeiros contactos con varios idiomas, entre eles, o grego.

Era unha persoa de moita sensibilidade, alimentada pola propia Natureza das paisaxes do seu Miño da  infancia e, elaborada pola súa mente de neno atento, pola Beleza que lle medraba interiormente. A isto engadamos lecturas e poesía. E tamén as vivencias, tan difíciles coma os días.

Todo un universo que dá como resultado inquedanzas e creación: unha descuberta do país, Galiza; unha obra literaria, os dous poemarios  Amar (Vigo, 1945) e o póstumo Versos de preso e outras rimas (2007);  unha dedicación, a docencia, o grego. Unha definición: a entrega á cultura mediante, sobre todo, a tradución.

Sobre isto último quero pararme algo. Evaristo de Sela, poeta, profesor, é, fundamentalmente, o tradutor de Homero ao galego. Pensemos no que iso supón. E contextualicemos non só atendendo a biografía e circunstancias penosas que sofriu o noso autor, senón tamén cavilando a clave nacional do feito: aportar para Galiza a Iliada e a Odisea no noso idioma. Unha tarefa inxente, referencial. A consciencia dunha necesidade. Unha contribución clara a favor do país, da súa cultura, da súa lingua, nas coordenadas conflitivas que o marcan. Comparábel en dimensión, por exemplo, a fitos como o colectivo da Biblia na editorial SEPT ou o do Fausto de Goethe a cargo de Lois Tobío. Unhas traducións senlleiras dende o coñecemento do orixinal (neste caso, o mundo homérico, a lingua grega). Non son paráfrases, polo tanto, como resultaron tantas versións dalgunhas literaturas (pensemos, así,  na rusa que lemos dende o francés, v.g. Tolstoi, Gorki, Dostoievski). Son os resultantes textos completos e fidedignos, e non amputacións nin deturpacións (lembremos que pasou con tantas versión de Aristófanes, Lucrecio, Petronio, etc).

"Sendo moi complexo traducir Homero, Evaristo de Sela é quen de, todo á vez, ser intérprete-transmisor-intermediario-poeta"

Sendo moi complexo traducir Homero, Evaristo de Sela é quen de, todo á vez, ser intérprete-transmisor-intermediario-poeta. Domina a literalidade e o significado do que ten entre mans e sabe “meterse no corazón” do texto (segundo quería Agustín García Calvo). En palabras de Umberto Eco, é capaz de “dicir case o mesmo” ca Homero. E, simultáneamente, frutifica a “lingua meta”, o galego. De lermos estes dous cantares épicos, alicerce do que  convencionalmente se considera “literatura europea”, disfrutaremos grandemente. Tanta comprensión e tanta capacidade de traballo para brindarnos a todas as galegas e galegos a lectura dos case 28 mil hexámetros das ditas obras requiren, sen dúbida, un amor enorme pola nosa Terra.

A este labor titánico, a esta mostra da súa íntima ilusión e do compromiso con Galiza e o galego (en palabras do propio Evaristo: “quería que Homero falase galego!”) hai que sumar –tamén ao noso idioma- as traducións de poetas contemporáneos (Elytis, Seferis, Kavafis, etc) na póstuma Poesía neohelénica (1708-1977), do 2001, así como os aínda inéditos doutros grandes autores do mundo clásico (Demóstenes, Catulo…).

Cúmprense agora, en concreto o 28 de xuño, 20 anos da morte  de Evaristo de Sela. Serva esta efeméride de memoria, se se quer apaixoada.



x