ESTREA DO FILME DE DOMÍNGUEZ SERÉN

'Hamada', existencia secuestrada no deserto de pedra

'Hamada', existencia secuestrada no deserto de pedra
Eloy Domínguez Serén (á esquerda) durante a rodaxe de 'Hamada'. Foto: cedida.
Eloy Domínguez Serén (á esquerda) durante a rodaxe de 'Hamada'. Foto: cedida.  

"Hamada" é a palabra árabe para designar un deserto pedregoso, árido, duro. Define con exactitude o territorio de Alxeria onde, desde hai máis de 40 anos, resiste o pobo saharauí, expulsado do seu país polo invasor marroquí. Hamada é tamén o último filme de Eloy Domínguez Serén, rodado nos campamentos da Fronte Polisario e que este 12 de xullo se estrea no cinema Numax de Compostela.


“Desde 2014 pasei un total de oito meses nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf, onde convivín e desenvolvín unha relación íntima e profunda coa comunidade”, explica o cineasta nunha Notas de dirección, “aquí descubrín xente extraordinaria que se converteu non só en protagonista do filme, senón que se implicou na concepción e desenvolvemento da mesma”.HMD_POSTER_GALLEGO_WEB_V4 (1)

Hamada filma “unha das comunidades máis esquecidas do mundo” encarnada pola súa mocidade. O pobo saharauí vive nun estraño limbo, abandonado por boa parte dos países que noutrora amosaron simpatía pola súa causa, e co sempre adiado referendo de autodeterminación -recoñecido e organizado pola ONU- no horizonte.

“Os rapaces pasan os días arranxando coches, a pesar de que non os poden levar a ningures, loitando por unha mudanza política que nunca chega e soñando cun futuro que probabelmente non ocorrerá”, explica a sinopse. Os produtores da obra, David Herdies e Michael Krotkiewski, apuntan outros matices: “Domínguez Serén creou secuencias tan vivas e espontáneas que xeran a dúbida de se están preparadas de antemán, e lévannos a un misticismo cómico que raras veces se viu”.

Catro persoas protagonizan Hamada: Sidahmed Salec Labeid, Ainina Sihamed Mohamed, Zaara Mohamed Saleh e Taher Mulay Zain. Conta con música de Kjetil Schander Luher e na montaxe participou, canda o propio Domínguez Serén, Ana Pfaff.

O primeiro pase en salas de Hamada é esta sexta feira, 12 de xullo, na sala Numax de Compostela, ás 20.15. A portavoz nacional do BNG Ana Pontón fará a presentación. Haberá proxeccións ao longo de toda a fin de semana, con introducións a cargo dos tamén cineastas Alfonso Zarauza e Jorge Coira.

Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985) é o autor de filmes como No cow on the ice (2015), celebrada en prestixiosos certames de cinema documental. Na actualidade o seu proxecto The Darker it Gets atópase en fase de preprodución.