O CLÁSICO 'INFERNO' DE BARBUSSE, EN GALEGO

Existencialismo antes do existencialismo

Existencialismo antes do existencialismo
O escritor Henri Barbusse. Foto: cedida.
O escritor Henri Barbusse. Foto: cedida.  
O seu nome representou como poucos o arquetipo do escritor comprometido na primeira metade do século XX. Militante comunista e defensor da experiencia bolxevique, antes Henri Barbusse (Asniéres-sur-Seine, Francia, 1873-Moscova, 1935) escribira unha obra hoxe clásica e situada entre os predecesores existencialistas: O inferno. Celia Recarey acaba de traducila ao galego.

o inferno_cuberta - henri barbussePublicada por Irmás Cartoné, esta obra orixinal de 1908, relata a historia sen peripecias dun mozo que acaba de chegar a París para traballar nun banco. “Descobre un burato na parede polo que pode ver o cuarto do lado”, di o resumo editorial, “a tentación de axexar logo se converte en verdadeira obsesión, conforme o protagonista vai presenciando as máis íntimas vivencias alleas”.

Desde Irmás Cartoné aseguran que O inferno inspirou máis tarde autoras da envergadura de Willa Cather, Borges ou Sartre. “O libro adquire nova relevancia nun tempo no que medios e redes sociais nos ofrecen a oportunidade de converternos, como o protagonista da novela, en perpetuos espectadores da existencia allea”, sinala.

Apenas seis anos despois de saír a obra, Barbusse alistábase no exército francés para pelexar contra os alemáns. Dos 17 meses de experiencia bélica nacería o pacifismo militante do autor e a súa identificación co socialismo radical. Comezara a viaxar á URSS e en 1923 afiliouse ao Partido Comunista Francés, de cuxo xornal L'Humanité foi director literario.

Entre as súas obras foi talvez O lume (1916), expresión literaria do seu paso pola guerra, o que situou definitivamente no panorama literario da súa época e do seu país.