Mil anos de Galiza como terra de seu á vista

Mil anos de Galiza como terra de seu á vista
 

A represión en Galiza após a conquista dos Reis Católicos rematou co exilio de máis de 1.500 galegos e galegas en Portugal e na Bretaña. Este feito será un dos que se documente na exposición ‘Galiza, nun tempo de seu’, que se inaugura esta quinta feira, 5 de decembro, no Museo Provincial de Lugo.


A exposición, organizada pola Asociación Pedagóxica Galega (AS-PG) en colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo, convida a facer unha viaxe por unha das etapas máis esplendorosas do país para evitar que continúe sendo a gran descoñecida para a meirande parte da poboación.

Esta mostra, que durante os próximos tres meses percorrerá os museos que conforman a Rede Museística, busca achegar aos galegos e galegas ás personaxes da época, ás guerras que cercaron Galiza e ás institucións que nos deron un espazo nacional propio como país, porque é na nosa historia onde temos que atopar a orixe dos  principais problemas políticos, económicos e culturais actuais, os cales só se poderán afrontar coñecendo a historia do país.

"Con dimensións espaciais variábeis, Galiza ten este nome desde hai dous milenios. É o único país entre os que foron provincias romanas que o garda titulando unha función político- institucional".

Un dos pobos de Europa que padeceu e padece de xeito acusado a anulación, o agochamento e o desprezo da súa relevancia histórica, é Galiza. A historiografía dominante incorre no pecado de reducir, para algúns pobos, a visión da súa historia ou de conformala adaptándoa ao statu quo actual; chegando así a anular acontecementos e personaxes da historia que botarían luz sobre o presente de moitas nacións. Iso  é o que, precisamente, aconteceu con Galiza durante  toda a Idade Media e co crucial século XIV. Con dimensións espaciais variábeis, Galiza ten este nome desde hai dous milenios. É o único país entre os que foron provincias romanas que o garda titulando unha función político- institucional. No seu territorio configuraríase desde o 413 o reino suevo – galaico, o primeiro independente do Imperio Romano, convertido despois e até 1230 nun reino medieval, nun proceso só interrompido entre finais do século VI e o inicio do século VII sen perder a súa personalidade, coa integración na monarquía goda. Mesmo nese momento, cando a coroa goda contaba con tres nacionalidade diferentes, “hispaniae, Gallie et Gallecie”.

Non é casual que sexa Lugo a primeira cidade en acoller esta mostra, xa que é a cidade máis antiga do país se temos en conta que foi fundada por Augusto e que encabezou unha das tres subprovincias romanas que conformaron a rexión: Lucus Augusti (Lugo), Bracara Augusta (Braga) y Asturica Augusta (Astorga); formou parte do Reino de Galiza, o primeiro reino europeo que naceu no 413 e que duraría até a chegada do gobernador Fernando de Acuña en nome dos Reis Católicos no 1.480; mil anos de reino Suevo de Galiza e que tería un papel salientábel durante toda a Idade Media, na que o noso idioma, o galego, foi unha lingua normalizada, con prestixio e proxección exterior grazas a que Galiza tiña poder político propio. Esta situación continuaría durante os séculos XIV e XVI a consecuencia dese prestixio acadado con anterioridade e que situaba o galego como lingua da cultura  e do poder, a pesar da progresiva dependencia de Castela a partir de 1.230.  O galego funcionou nos dous últimos séculos da Idade Media como lingua oficial, con independencia de que desde a segunda metade do XIV unha ínfima minoría de xente estranxeira usase o castelán. E entendemos por lingua oficial naquela altura o mesmo que hoxe se entende: aquela en que se expresan todas as clases sociais, en que se redactan os documentos públicos e privados, en que se fan os rezos... En fin, en todos aqueles usos e funcións que na época medieval se realizaban con normalidade en galego por parte de toda a xente e que na Galiza actual aínda constitúen unha excepción de carácter individual ou de grupo.

Non deixa de ser casual a ausencia dunha explicación que aproxime, aínda que sexa con todas as limitacións que os prexuízos que a historiografía académica impón sobre os feitos a fin de homologalos a revolta dos comuneros na perspectiva de integrala no grande relato que é a invención de España, un dos fetos más determnantes da nosa hstoria como pobo, posto que o seu fracaso cercenou no noso País a aparción dunha nova clase social que será a que levará adiante xa en séculos posterores noutros territorios a Revolución Industral. Unha visión escolástica do marxismo deu en asociar aos Irmandiños con labregos ou mariñeiros explotados, porén a realidade é ben diferente, posto que ao seu fronte atopànse sectores da proto burguesía ou da baixa nobleza. Así na súa dirixencia no sul de Lugo atopanse fidalgos como Diego  de Lemos, outro tanto acontece nas terras de Lugo con Alonso de Lanzós e mesmo na Mariña onde nos primeiros momentos aparece ao fronte da Irmandade o propio Pedro Pardo de Cela, nomeado Alcalde de Vivero. O movemento Irmandiño, apoiado desde o poder real, terá un desenvolvemento máis limitado do que deixaba entrever certa historografía que relatou os feitos tomando como fonte exclusva o Preito Tavarés Fonseca, até o punto de que a nova documentación da por feto que Pardo de Cela non chegou a abandonar Galiza durante o periodo. 

"O galego funcionou nos dous últimos séculos da Idade Media como lingua oficial, con independencia de que desde a segunda metade do XIV unha ínfima minoría de xente estranxeira usase o castelán". 

Sería tras as guerras irmandiñas, cando a Idade Media rematara en Galiza co establecemento, por parte dos Reis Católicos, de institucións dirixidas por estranxeiros e encargadas de facer efectiva a política centralizadora e autoritaria da monarquía a través da represión e o control social. Nun primeiro momento os nobres actuaron de maneira conxunta sendo exemplos o acordo que firman en 1470 no que se alían membros da alta nobreza en contra do arcebispo de Santiago e a marquesa de Astorga ou o de 1477 acordo asinado polo Gobernador de Galiza, o Conde de Ribadeo, e os membros da alta nobreza no que se aliaban en contra do establecemento en Galiza da Santa Irmandade. É máis en 1480, trala chegada de Fernando de Acuña os nobres cooperan con el nun principio ata que o novo gobernador os obriga a entregar certas fortalezas que pasarían a mans da Coroa. Nese momento a reacción nobiliar será claramente de enfrontamento. Este descontento nobiliar está personalizado por tres figuras: O conde de Camiña, o vello conde de Lemos e Pedro Pardo de Cela. O funesto ano de 1483 será o do fin para estas tres figuras que desaparecen, físicamente, do panorama galego. A decapitación do Mariscal foi un aviso para todos os nobres que se opuxesen ao novo poder real e si ben é certo que moitos nobres prestáronse a colaborar co gobernador trala degolación tamén é certo que a loita continuou. Un destes nobres díscolos e rebeldes foi Pedro Fernández de Bolaño e Balboa, que pasou á historia co nome de Pedro de Bolaño, xenro do Mariscal mantén o sentimento de rebeldía compartido por certos nobres galegos, moitos deles vinculados ao falecido Mariscal, outros non que lonxe de someterse aos novos monarcas exilianse , lembremos aqueles 1500 nobres galegos que se refuxiaran en Portugal e na Bretaña escapando das iras dos novos monarcas

Aquí remata a histora de mil anos de vida de seu, unha historia que nos fala de Idacio, o Bispo de Chaves, Paulo Osorio, San Martiño de Dumio, os Traba, con Don Pedro Froilaz á cabeza, Xélmirez, Alfonso VIII “O Emperador”, Martín Codax e os autores daquela grandsma literatura, os resistentes como Ines ou Pedro de Castro, os Lemos auténticos, ao fin o que importa as galegas e os galegos do comun de onte.