GABRI, CANTANTE E GUITARRA DE DAKIDARRÍA

"Facer camiño e estar co noso público é necesario coma o aire que respiramos"

"Facer camiño e estar co noso público é necesario coma o aire que respiramos"
Gabri, segundo pola dereita, co resto do grupo.
Gabri, segundo pola dereita, co resto do grupo.  

“Filosofía Incendiaria” é o novo traballo de Dakidarría. Os do Val Miñor publican esta quinta feira, 12 de abril, o seu noveno disco, co que comezarán a xirar a finais de abril.


Dakidarría vén de publicar Filosofía Incendiaria, un EP de cinco cancións que se presentará ao público o vindeiro 30 de abril no festival Viña Rock. Con oito discos no mercado, o conxunto atópase inmerso na presentación do seu novo disco, onde volven fusionar ska, reggae e punk-rock. Falamos con Gabri, vocalista e guistarrista da banda.

                                                    

-Que hai de novo en “Filosofía Incendiaria”?

-Filosofía Incendiaria  é o título do noso novo EP no que incluímos as últimas cinco creacións da banda. Son as cinco cancións que escribimos e gravamos ao longo do ano 2017, as que eliximos entre todas as propostas que temos no caixón, son as que máis nos motivaron e as que máis nos inspiraron. A nivel musical creo que cada unha ten un aroma diferente tanto a nivel estilístico como de son.

-Que artistas participan neste traballo?

-Neste traballo colaboramos con La Raíz, Ganjahr Family, Trópico de Grelos e con DJ Mil. Compartir este traballo con eles é algo que nos enrique, nos ilusiona e nos fai aprender. A maiores hai unha colaboración que a min me fixo especial ilusión que é a de Antón Seoane de Milladoiro. Antón coñéceme dende que nacín e foi moi emocionante poder incorporar unha das súas zanfonas neste EP.

daki

-Despois das últimas xiras Lume Tour e De Cuncas e De Bar, estreades novo traballo co que comezaredes a viaxar a finais de abril. Non hai tempo de lecer para Dakidarría?

-Somos unha banda hiperactiva, non sabemos estar tranquilos. Facer camiño e estar co noso público é necesario para nós coma o aire que respiramos.

-Como levades presentar disco nun festival como Viña Rock?

-As presentacións sempre conlevan algo máis de nervios, ademáis nun escenario coma o Viña Rock, onde se xunta tanta xente de lugares tan diversos, pode que a presión sexa maior. Pero iso fainos voar máis alto se cabe e a motivación medra conforme se achega a data. Tamén é certo que levamos 3 edicións seguidas participando neste festival e xa nos sentimos como na casa, cousa que facilita moito o traballo. Co primeiro acorde os nervos foxen e aparece a maxia.

-Que vos motivou a facerdes De Cuncas e De Bar, a xira galega en acústico? Pensades repetir?

-A idea era non dar concertos desde xaneiro até maio de 2018 para preparar a saída de Filosofía Incendiaria, pero iso nos parecía unha inmensidade, así que decidimos montar unha xira acústica á que nomeamos De cuncas e de bar, xa que o formato acústico permítenos visitar escenarios máis pequenos, tabernas e bares. Está sendo unha xira diferente, coas cancións noutro formato, sen saír de Galiza e interactuando moitísimo co público… Non descartamos continuala após o verán xa que o estamos pasando xenial tanto nós como o público.

-Como percibides a acollida da música en galego fóra das nosas fronteiras?

-A nivel estatal cada vez a xente agradece máis a diversidade lingüística. É curioso ver que o público de Madrid ou de Pucela, por exemplo, canta máis alto as cancións en galego que as que non o son. Tamén é certo que o perfil de público que nos visita soe ser xente concienciada nestes temas. De todos xeito, ás veces, seguimos escoitando críticas por deixar de cantar en castelán… Hai xente que non o comprende.

-O anticapitalismo é un dos vosos sinais de identidade. É inevitábel renunciar a certas ideas para vivir no sistema oposto?

-O capitalismo adoutrina. O que é necesario é tratar de se manter á marxe e ser consciente diso. Tratar de non ser partícipe na medida do posíbel é unha forma de combate. Non hai por que renunciar a ideas, hai que ser consciente de que é moi complicado ser consecuente con elas ao 100%. Todas actuamos ás veces de forma contraditoria coas nosas ideas, mais isto non fai que deixemos de crer nelas.

-A música é, na meirande parte das veces, expresión de resistencia. É a protesta  musical un arma social efectiva?

-Baixo o meu punto de vista a música, e a cultura en xeral, é unha das mellores armas de concienciación. Eu non tería sentido inquedanzas libertarias tan cedo de non ser pola música e creo que isto lle pasa a moita xente, a música abre outras moitas portas. De non ser polas expresións artísticas reivindicativas, o avance do fascismo sería máis impune todavía, xa que o adoutrinamento da poboación lles resultaría máis doado.

-Nesa mesma liña, que grupos ou artistas destacades dentro do panorama musical galego?

-Creo de vital importancia no momento no que estamos a emerxencia de grupos femininos. Na Galiza grupos reivindicativos antisistema e antisistémicos como As Punkiereteiras son moi necesarios. Tamén me parece importante a existencia de figuras como a de Sés ou Guadi Galego, que están enchendo auditorios cunha mensaxe de amor e loita.

-Que referentes musicais ten Dakidarría?

-Moitos e moi diversos. Letristicamente o primeiro que me marcou a min foi Evaristo, de La Polla Records. É un auténtico filósofo. A raíz del, e co paso do tempo, fun coñecendo moitos máis. A nivel musical bebemos de moitos sitios, somos 8 persoas cada unha co seu gosto e a súa proposta. Bebemos do rock arxentino, do punk nacional, do ska xamaicano, do rap…

-Como valorades a vosa traxectoria e o crecemento da banda nestes anos?

-Coma un soño do que non queremos espertar. O tempo pasa rápido e, de súpeto, estamos vivindo as cousas coas que soñábamos hai 10 anos. Claro que sempre se quere máis, pero somos conscientes da sorte que temos de poder vivir o que estamos vivindo nestes últimos tempos. Todo o que chegue a partir de agora será un agasallo para nós.



x