GRIAL MONTES

"Para facer María Soliña baseeime nas mulleres que fan parte da miña vida desde pequena"

"Para facer María Soliña baseeime nas mulleres que fan parte da miña vida desde pequena"
A historia de María Soliña segundo o cineasta Ignacio Vilar subtitúlase A María Solinha do século XVII e a María Solinha do século XXI foron atacadas polo dragón. O salvaxe animal do patriarcado é, no guión da sexta longametraxe do director da Esmorga (2014), o que lle permite trazar a versión 2.0 dunha muller condenada pola Inquisición acusada de bruxa. É a actriz Grial Montes (22 anos) a que encarna a protagonista do relato no seu primeiro traballo cinematográfico. Responde a Sermos vía telefónica desde Redondela, onde afronta a quinta e derradeira semana dunha rodaxe producida por Vía Láctea Films. Eis un extracto da entrevista publicada no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza.

Xa na recta final, que sensacións lle deixa a rodaxe?

Moi boas, porque teño detrás un equipo moi bo que me coida e me trata moi ben. Foron cinco semanas moi divertidas e moi bonitas, unha experiencia súper especial para a miña vida e que espero que se repita moitas veces.

Cando a chamou Ignacio Vilar para protagonizar o filme, coñecía a historia de María Soliña?

Non, a verdade é que a descubrín despois, porque é unha lenda de Cangas moi oculta aos ollos de todo o mundo. María Soliña foi unha muller maltratada pola sociedade. Da que parece que non compensa saber a súa historia, como non compensa saber a de moitas outras mulleres. É mellor pensar que todas seguiremos sempre baixo a man dun home. Supoño que son historias que vas descubrindo co paso dos anos e que espero se faga moito máis doado descubrir agora.

m1_DuplaEntrevistaMariaSolinha

E agora que leva cinco semanas metida na súa pel, quen diría que foi?

Para min foi unha muller que, por culpa de descubrir quen era realmente, foi atopada por un dragón, como di o subtítulo do filme: A María Solinha do século XVII e a María Solinha do século XXI foron atacadas polo dragón. Foi unha muller que loitou pola súa independencia como persoa e que, cando descubriu finalmente quen era, ou quen quería ser, porque supoño que nunca descubrimos quen somos realmente, foi maltratada pola sociedade.

Como actriz, que forma lle está a dar á personaxe?

Deille unha forma desde a muller que son eu agora. Intentei enfocar a personaxe así, como podería ser ela sendo eu, Grial. Intento darlle un toque de persoa, dunha muller que podería estar vivindo agora os nosos días. Pero tamén desde o punto de vista da muller que igual nalgún momento da miña vida quero ser eu.

É unha historia de hai 400 anos. Que nos di hoxe en día?

Hai 400 anos e agora, as mulleres como persoas seguimos tendo moitas ataduras, por así dicilo, dentro de que avanzamos moito e seguimos cara adiante. O concepto de dragón que igual se podía ter no século XVII e o concepto de dragón que igual temos agora si mudou. Antes eramos atacadas dunha forma e agora doutra. María Soliña tamén se podería ver atacada agora. Porque vivimos nunha sociedade na que moitas veces as capacidades e a intelixencia da muller se ve atacada por medo, por covardía ou como o queiras chamar. Aínda que soe feo, daquela existía a Inquisición e a día de hoxe segue existindo, pero dunha forma completamente distinta. Creo que esta é unha historia que, malia ter 400 anos, é moi real, como se todo pasase agora. Seguimos sendo vítimas desta historia nunha sociedade completamente patriarcal.

[Podes ler a peza íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]