SEGUNDO DISCO DO PROXECTO DE JOSITO PORTO

Factoría de Subsistencia, pop delirante, música de 'cansautor'

Factoría de Subsistencia, pop delirante, música de 'cansautor'
Detalle da cuberta de 'Amores fratricidas', o segundo disco de Factoría de Subsistencia. Imaxe: cedida.
Detalle da cuberta de 'Amores fratricidas', o segundo disco de Factoría de Subsistencia. Imaxe: cedida.  

Josito Porto é veterano das guerras musicais galegas máis insólitas. Con Korosi Dansas, algún comentarista falou de rock de batea, pero naquela síntese arriscada estaban Sonic Youth e un onirismo salvaxe, os primeros Red Hot Chili Peppers e a reelaboración resentida. Despois fichou nos efémeros Magritte. Agora ofrece o pop delirante de Factoría de Subsistencia, definido polo crítico Fernando Fernández Rego como “música de cansautor”.


Amores fraticidas é o segundo disco da Factoría, dispoñíbel na súa páxina de bandcamp. Cun son alicerzado nas guitarras acústicas e a voz principal do propio Porto e mais no acordeón de Sabela Cadal, entrégase a un pop ás veces repetitivo, sempre marciano que o mesmo remite ás músicas xogantinas pero serias de Jaume Sisa ca a uns Kinks de frenopático.

A peculiar Histérico foi a canción escollida como sinxelo, cun videoclip dirixido por Jorge Boquete e ecos post punk nas guitarras.