SÁBADO 18 DE MAIO

Faia Díaz e Vero Rilo levan 'Por unha peseta' a Outeiro de Rei

Faia Díaz e Vero Rilo levan 'Por unha peseta' a Outeiro de Rei
Apatacón, nunha imaxe promocional. Foto: cedida.
Apatacón, nunha imaxe promocional. Foto: cedida.  

Apatacón é a compañía musical e teatral que Faia Díaz -coñecida polo seu labor vocal en Coro do Encaixe ou De Vacas- e a contadora Vero Rilo puxeron en marcha coa idea de “investigar os límites e puntos de encontro das súas disciplinas”. O sábado 18 de maio amosarán algúns dos seus resultados na casa museo Manuel María, de Outrieo de Rei.
 


Nun espectáculo que comezará ás 20.30 horas e que se titula Por unha peseta, “voz narrada e voz cantada achéganse por menos de nada para encontrar canto vale unha peseta”. Desde a casa museo indican que se trata de “historias de vida recollidas na contorna e no universal que achegan ao humor, á sensibilidade e á tenrura”.

Por unha peseta viaxa ao “tempo dos devanceiros” e, porén, engade a organización da presentación, faino “desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións e historias”. Dura unha hora e a entrada, que se pode reservar en [email protected], custa cinco euros.